Entre a voluntariedade e a falta de medios tecnolóxicos

“Na xustiza pasa como co galego en xeral, que é un idioma minoritario que se fala por decisión estritamente persoal”, apunta desde Vigo o fiscal Xoán Carlos Horro, que ocupou varios anos a xefatura desa Fiscalía de Área.

Con asumido pesimismo, explica que na Fiscalía de Área de Vigo “só tres dos 27 fiscais” utilizan o galego na súa actividade profesional, “e xa é unha proporción altísima en relación con outras fiscalías, onde non o usa absolutamente ninguén”. 

“Hai algún avogado que tamén o emprega –engade Horro-, pero mesmo persoas galegofalantes, se non están concienciadas, aínda que lles fales en galego no xuízo, a inmensa maioría tende a falar castelán; e as xeracións novas, aínda máis”.

No aspecto positivo, salienta que o emprego do galego en xuízo “é moito menos conflitivo” que anos atrás, e “non hai ningún tipo de problema con ningún tribunal ou xuíz, e case con ningún avogado, salvo algún de fóra e politicamente militante en contra do idioma”. “Pero iso –engade- non quere dicir que estea normalizado, segue a ser moi minoritario”.

O fiscal sinala que hai que ter en conta tamén o contorno no que se traballa: “A porcentaxe de galegofalantes en Ponteareas, por exemplo, é moi superior que aquí en Vigo, e na xustiza penal hai unha proporción moi considerable de estranxeiros que descoñecen totalmente o galego. Esta internacionalización é un elemento en contra”.

Falta de medios técnicos

A xuíza do Xulgado de Instrución número 2 de Lugo, Sandra Piñeiro, incide tamén nese aspecto. “A persoa estranxeira que intervén como testemuña, vítima ou acusado nun proceso penal ten dereito a empregar o seu idioma e precisa de intérprete. Nese caso, é moito máis doado encontrar un que traduza desde idioma estranxeiro ao castelán ca ao galego”.

Pero sobre todo, a xuíza fai fincapé no condicionamento que impón a aplicación informática xudicial Minerva, “que é totalmente limitativa”. “Desde que eu cheguei á xustiza ata agora foi un retroceso constante, e hoxe en día está todo integramente en castelán”, asegura

Piñeiro explica que os operadores xurídicos están “vinculados a unha normativa internacional, e se un cidadán pide que o seu proceso se tramite e resolva en galego ti tes que facer unha tradución manual de todo, e iso retrasa moito o procedemento”.

Pola contra, engade, “nos actos orais non tes ningunha limitación, máis aló de que unha parte non entenda o galego, pero cando tes que ditar unha resolución tela que facer ti manualmente e elaborar os modelos en galego á marxe da aplicación”.

E este traballo persoal é un luxo que moitas veces non se pode permitir. “Nun servizo de garda no xulgado de instrución, por exemplo, no que tes que tomar unha decisión inmediata, non podes enviar un escrito ao servizo lingüístico e ter ao cidadán esperando unha hora por un auto de prisión ou de posta en liberdade”, explica a xuíza.

No caso dos estranxeiros “o problema acrecéntase –agrega-, ao ter que traducir o documento á súa lingua materna”.

Sandra Piñeiro recorda que desde a Irmandade Xurídica Galega –entidade que aglutina aos operadores xurídicos que fan o seu traballo en galego_ levan anos “pedíndolle á Xunta que faga o esforzo de traducir o sistema ao galego”.

Asegura que persoal dos equipos de normalización lingüística e xuíces téñense ofrecido a traducir formularios de xeito totalmente gratuíto para o Minerva, “pero é a Xunta a que posúe a propiedade da aplicación informática” e a responsabilidade de introducilos no sistema, “e se non o fan eles...”

A importancia do idioma

Sandra Piñeiro é consciente da relevancia de empregar o galego coas persoas que se achegan aos xulgados e subliña que, fronte ao que ocorre noutras xurisdicións, nás que o proceso realízase máis por escrito e o contacto co xuíz establécese máis a través dos avogados e procuradores, "na xurisdición penal, e sobre todo na fase de instrución, o primeiro contacto do cidadán é co xuíz". "Tes que darlles pé a expresarse con naturalidade e tranquilidade, sen ter que pensar como se di unha cousa ou avergoñarse porque non teñen ás veces un nivel formativo suficiente ou non empregaron o castelán na súa vida.. non lles podes esixir ese esforzo adicional con todo o que supón vir aquí".

A xuíza recoñece, con todo, que existen certas reticencias dalgúns cidadáns á hora de dirixirse a un xuíz en galego. “Ás veces piden perdón ou permiso, sobre todo xente maior”, e "amén percibe "un certo pudor" no uso do galego en público por parte de operadores xurídicos que só o falan no ámbito privado.

Pola súa parte, o fiscal Xoán Carlos Horro afonda no aspecto sociolingüistico do problema.

A sociedade –precisa- non está formada por compartimentos estancos. Non podes ter normalizado o galego na xustiza se non o está nos demais niveis. Un dos ámbitos en que teoricamente o está é no ensino, pero sobre todo por parte do profesorado. Os alumnos, coa influencia da radio a televisión e internet, falan máis en castelán ca nunca”.

“E xa non falemos dos ámbitos da administración e da política –continúa o fiscal-, onde se produce un uso ritual, e moitos dos funcionarios que che dan o formulario en galego diríxense a ti en castelán. Ao final, a xustiza non é máis ca un reflexo de todo o demais”.

"Calquera exhorto ou impreso que chega de Cataluña vén en catalán ou polo menos en catalán e castelán, se está pensado para enviar fóra. Pero é que provén dun país no que pola rúa escoitas falar no seu idioma ao 50% da xente. A normalización do galego é –conclúe- un problema do país en xeral”.

 

Top