Gustavo Varela Radío (Pontevedra, 10 de maio de 1876 – Santiago, 10 de maio de 1956), que chegou a fiscal territorial da Audiencia da Coruña, non ocultaba na súa actividade profesional as súas fondas conviccións republicanas.
No óleo sobre táboa que dá vida a esta rechamante e orixinal viñeta, datada en 1919, aparece na sala de vistas do xulgado de Cambados no que exercía como xuíz. Pero ao debuxante esquecéuselle incluír a cabeza do rei Alfonso XIII no retrato que preside a escena.
A decapitación pictórica do monarca ten que ver cun feito salientable na vida administrativa de Gustavo Varela: en 1922 é promovido ao cargo de gobernador civil de Salamanca, pero o propio Alfonso XIII vese obrigado a asinar, só cinco días despois, o real decreto no que admite a renuncia do seu nomeado.
Varela foi depurado en 1937 pola Xunta de Defensa Nacional franquista coa súa expulsión definitiva da carreira xudicial.