Martes, 17 Mai 2016 13:49

Manuel

Escrito por Enrique de Ron
Valora este artigo
(1 Voto)
Manuel María
Manuel María

Podería vir aquí como procurador dos tribunais que foi durante anos en Monforte. Ou como voz inesquecible e valente da pública denuncia. Pero Manuel María vén aquí, permítaseme a licenza, como da casa. Como Manuel, como eses amigos que van e veñen polo mundo, pero sempre acaban por volver. E, sempre, como poeta.

Así foi como o coñecimos un día, aló polos primeiros 70, só coa voz do poeta, coma un trono seco e fondo que irrompía no coche desde aquela cinta de cassette ateigada de cancións que falaban dunha vella solitaria barallando lembranzas de mortos, dun home sen traballo, da guerra de Vietnam..., saltando entre panxoliñas e voces ceibes... "Acuso á clase media...", dicía de súpeto unha voz baril e directa, que logo adozábase para nos falar de "eses nenos labregos de ollos quedos como o paso do Miño polas chairas", ou falaba de ti a ti con "Manuel Curros Enríquez, home de pelo en peito, corazón de Galiza". Nós daquela non entendiamos moito desas cousas que dicía, e ata parecíanos mal que aquel home misterioso a quen papá parecía coñecer interrompira melodías e sonos de automóbil.

Pero, a forza de escoitalos, aqueles versos espidos acabaron por gravarse coa fondura dun cicel na nosa memoria infantil.

Manuel María (derecha, de traxe escuro) con amigos da familia Ron
Santa Comba, Nadela (Lugo). Setembro de 1951                   Ron

Foi logo cando nos contaron as historias dos Maristas de Lugo, dos versos de encargo para mozas pasados a máquina por meu pai _"é que eu non tiña daquela", contaba Manuel cun sorriso cómplice_, de conversas de patio de colexio onde agromaba case en segredo o galego...

Anos despois coñecimos ao home da voz rexa, vímolo na nosa casa con Saleta, ou deixando un artigo para enviar por fax a O Correo e contando mil contos e anécdotas. E escoitabamos compracidos a aquel home amable sen esquecernos do "acuso" nin dos "ollos quedos" dos nenos labregos.

Hai uns días chegou ás miñas mans unha pequena foto de lecer amistoso e familiar e acordeime daquelas historias contadas, daqueles mozos que querían, incautos, deixar de selo no Lugo dos anos 40 e 50.

Un sempre volve onde quere estar, coas pernas, co corazón ou coa memoria. E aquí segue Manuel. E a súa voz. Marcando o camiño seguro cara onde se quere, e se debe, estar.

 

Acuso á clase media (audio)

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top