Imprimir esta páxina
Martes, 24 Mai 2016 14:10

Historia dunha lápida. Os sucesos de Cullera

Valora este artigo
(3 votos)

Coñécense con este nome os tráxicos acontecementos ocorridos en Cullera (Valencia) en setembro de 1911. Naqueles días, varias poboacións valencianas vivían nun clima de crecente axitación social, avivada polo chamamento do sindicato anarquista CNT á folga xeral en todo o país en protesta contra a guerra de Marrocos e contra os actos de represión do Goberno, presidido polo liberal ferrolán José Canalejas.

Ante o motín da poboación de Cullera, o xuíz municipal da localidade reclamou a presenza do xuíz de Primeira Instancia e Instrución de Sueca, Jacobo López de Rueda (nado en Santiago en 1870, pero de orixe andaluza), quen o 18 de setembro se desprazou en tartana cara a aquela vila acompañado do oficial habilitado Fernando Tomás, o alguacil Antonio Dolz e o actuario Primitivo Beltrán.

López de Rueda nun diario da época
Jacobo López de Rueda    Biblioteca Nacional

Aínda que as versións xornalísticas e xudiciais da época contradinse acerca de se o xuíz se comportou ou non de forma autoritaria ou precipitada, o certo é que a súa presenza e a dos seus auxiliares, empuñando revólveres e detendo no camiño a algúns dos sublevados, alporizou aínda máis á multitude, que arremeteu con extrema violencia contra eles.

Mentres algúns dos amotinados linchaban a Dolz e deixaban gravemente ferido a Beltrán, Tomás e o propio López de Rueda conseguiron refuxiarse na casa consistorial de Cullera. Malia os intentos do alcalde e outras autoridades por calmaren os ánimos dos alí congregados, un grupo de activistas logrou entrar no edificio e asasinar brutalmente o xuíz e o seu auxiliar.

As forzas da orde finalmente detiveron máis de medio centenar de persoas, das que 22 foron procesadas por un tribunal militar e sete delas condenadas a morte en xaneiro de 1912. Dáse a circunstancia de que o xuízo principal se celebrou no xulgado de Sueca no que aínda residía a viúva do xuíz, como resaltaron algúns medios da época.

Fotos dos sete acusados nun xornal da época - Mundo Gráfico 17-1-1912 - Biblioteca Dixital Hispánica
Fotos dos sete acusados e as súas familias nun xornal da época  Biblioteca Nacional   

A intensa campaña social e de prensa en contra da pena capital, á que se sumaron xornais de distinto signo político dentro e fóra de España, altos representantes de estamentos sociais, políticos e eclesiásticos de todo o país, miles de cidadáns mediante sinaturas e manifestacións e mesmo familiares das vítimas, forzaron ao Goberno a conmutar a pena a seis dos sete condenados.

Finalmente, o rei Alfonso XIII estendeu a medida de graza ao último condenado a morte e protagonista e instigador principal dos feitos, Juan Jover, o Chato de Cuqueta, que xa agardaba en Cullera a súa execución na forca. Pesaban na súa contra as tres penas de morte ditadas contra el pola súa participación directa no asasinato do xuíz, o alguacil e mais o habilitado e a extrema violencia que empregou contra o instrutor, a quen matou dun machadazo no pescozo para asañarse logo co cadáver.

Canalejas viuse obrigado a dimitir e, confirmado logo no seu cargo, foi asasinado en Madrid, en novembro dese mesmo ano, por un militante anarquista. O Chato saiu do cárcere en 1931 e volveu a Cullera. En 1936, Mundo Gráfico publicou unha reportaxe fotográfica e entrevista con el (pódese consultar na Biblioteca Dixital Hispánica). O defensor de Jover, o avogado obreirista Eduardo Barriobero, foi fusilado en Barcelona en 1939 logo de un xuízo sumarísimo.

Imaxe de Juan Jover, o Chato de Cuqueta, nunha entrevista en 1936
O Chato de Cuqueta en 1936

Despois daqueles feitos sanguentos de 1911 _antesala tráxica da Guerra Civil que estalaría 25 anos despois_, moitos edificios xudiciais colgaron placas en memoria do xuíz e os seus auxiliares, semellantes á que se conserva na entrada principal do Palacio de Xustiza da Coruña. Tamén erixiuse ante o xulgado de Sueca un monumento en recordo das vítimas. Tras a chegada da República, foi trasladado ao cemiterio para presidir as tumbas dos falecidos.