Martes, 24 Xaneiro 2017 22:08

Un sms de 30 euros? O carácter abusivo da reclamación de posicións debedoras

Escrito por Raquel Duque
Valora este artigo
(1 Voto)

Lembro a primeira vez que redactei un contrato de arrendamento para o despacho no que estaba a pasar os meus primeiros meses tras a facultade, de prácticas. O noso cliente era o arrendador, e cando terminei o clausulado, os meus mentores botáronse a rir cun dos aspectos que incluíra sobre o prezo: "Vencido o primeiro prazo dun ano, o arrendador poderá aumentar a renda unilateralmente". Esta cláusula non se podía incluír no contrato porque xeraba un total desequilibrio entre as partes contratantes, explicáronme. E quiteina. Obrigáronme.

Resulta rechamante ler con detemento os contratos dos bancos. Este tipo de cláusulas unilaterais abundan, e desde logo non existe reciprocidade: se ti incumpres, o banco cobra; se incumpre o banco, aquí paz e despois gloria. Ah, e ti non cobras nada de nada.

A primeira vez que vin de preto unha cláusula abusiva foi nos meus tempos da facultade, a que fala sobre a "reclamación de posicións debedoras" e que eu mesma sufrín: consiste nunha comisión de importe fixo, que rolda os 30 euros, e que o banco che impón se deixas a túa conta corrente por baixo de 0 euros. Dá igual que sexan 70 céntimos que 70 euros. A comisión por "reclamarche o pago" é de 30 euros. E acompáñase indisolublemente duns intereses, máis ben pouco comedidos, pero proporcionais á contía á fin e ao cabo.

A cousa non pasaría de aí, pero ao banco empezoulle a gustar iso das cláusulas unilaterais: intereses de demora, redondeo á alza... Ata que chegaron as cláusulas de chan e pasáronse da raia.

Entón os xuíces foron, cláusula por cláusula, declarando a nulidade. Sobre a "reclamación de posicións debedoras", a Audiencia Provincial de Guipúzkoa, aínda que non foi a primeira, foi a máis popular polo seu razoamento acerca da abusividad desta cláusula.

Toma como base a idea de que o banco está a cobrar por un concepto que en realidade non está xustificado: enviar un sms, chamar por teléfono ou mandar unha carta ordinaria para dicirlle ao seu cliente que ten a conta en números vermellos, non custa 30 euros.

É unha idea que, ademais de lóxica, se recolle na nosa normativa sectorial bancaria:

- A Circular do Banco de España 8/1990, do 7 de setembro, sobre transparencia das operacións e protección da clientela: "As comisións e gastos repercutidos deben responder a servizos efectivamente prestados ou gastos habidos".

- A Memoria do Servizo de Reclamacións do Banco de España de 2011 (páxs. 150-151) vén dicir que só se pode cobrar polo concepto de "reclamación de posicións debedoras" se se demostra polo menos que o seu deveño está vinculado á existencia efectiva de xestións de reclamación realizadas ante o cliente debedor.

Engade a sentenza que non se trata dunha boa práctica bancaria, xa que a reclamación debe realizarse tendo en conta as circunstancias particulares de cada impagado e de cada cliente, e, como todos sabemos, isto trátase dun servizo automatizado: En canto a conta queda baixo cero, salta o cepo dos 30 euros.

Malamente poderá xustificarse que este pago responde a servizos realmente prestados, porque se trata dunha cantidade fixa, independentemente do caso e do medio que se utilizase para a reclamación, ademais de que o banco xa penaliza con intereses moratorios o descuberto da conta.

En definitiva, parece que os bancos están a recibir a lección que me deron a min ao saír da facultade: unha risotada, máis ou menos sonora en función da ironía empregada polo xuíz no seu razoamento xurídico, sobre a ridiculez que supón incluír unha cláusula que causa desequilibrio entre as partes. E obviamente, a obrigación de quitala.

 

Raquel Duque. Avogada de Aletra. Especialista en consumo e contratos.

Tradución DXustiza

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top