Venres, 03 Marzo 2017 09:38

Millóns de facturas de luz, dous mercados e unha sanción

Escrito por Raquel Duque
Valora este artigo
(1 Voto)

Pasei uns meses vivindo en Madrid, de intercambio universitario, entre os anos 2010 e 2011. Foi o meu primeiro contacto directo coa factura da luz, entre outras cuestións domésticas. Naquel entón o único que logramos sacar en limpo a miña compañeira de piso e mais eu, era que había lecturas reais e estimadas, a saber:

- Mes de lectura estimada: Conta corrente baixo mínimos, porque as estimacións de consumo que facían da nosa pequena casoupa  universitaria eran á alza da enésima potencia e con redondeo en 10 puntos, tamén á alza.

- Mes de lectura real: Superávit doméstico, porque nos descontaban a barbaridade que pagaramos de máis no mes anterior, correspondente á lectura estimada, e só debiamos 7 euros á compañía.

Recoñezo que todo iso do mercado libre e do mercado regulado, por moito que mirase e remirase a factura, pasoume desapercibido ata o 2013, ano no que comecei as miñas prácticas nunha asociación de consumidores. 

Así, entendo os dous enfoques: o do consumidor do montón, que o único que comprende da factura da luz é que é unha factura e tena que pagar, e a do consumidor cualificado, o que entende a factura porque tivo a oportunidade e a sorte de acudir a cursos para que lla expliquen.

Por iso non me sorprende que pasase por alto a noticia da sentenza condenatoria do Tribunal Supremo contra Iberdrola, que supón para esta empresa pagar unha sanción de 5,3 millóns de euros por transferir clientes de mercado regulado ao libre, prexudicando a libre competencia fronte a outras compañías. Pode parecer moito diñeiro, pero en termos de xente rica en realidade non é tanto, tendo en conta que o chalé de Predalbes de Urdangarín custaba 7 millóns de euros.

O gracioso é que se se multou a Iberdrola é porque esta artimaña prexudicou a Gas Natural Fenosa e denunciouna. Ben é verdade que -nesta ocasión- os clientes que se pasaron de forma automática ao mercado libre de Iberdrola non tiñan dereito a estar no mercado regulado (o límite está en superar os 10 kw de potencia contratada) pero ao final, non tiñan nin idea de en que mercado estaban. E esa é a triste realidade do noso país. Alzamos a voz cando pagamos de máis na factura da luz, pero nin nos molestamos en pescudar en que consisten os conceptos que pagamos, se hai outras opcións, se temos máis posibilidades. Só asinamos cegamente aos comerciais doutra compañía que van de porta en porta prometendo suculentos descontos nas facturas co cambio, facturas que nin eles mesmos entenden, e que ao final, por tratarse tamén de mercado libre e vivir nun estado permanente de oligopolio, non chegamos a notar na nosa economía doméstica.

Pero a culpa non é só do consumidor. A culpa de que a xente viva na ignorancia é sobre todo das institucións que se supón nos protexen das mañas das grandes compañías, que non esixen que se lle informe ao cliente sobre a existencia dun mercado libre e un mercado regulado, nin que se comprobe que o cliente comprendeu verdadeiramente as circunstancias do seu contrato. Un paso que, polo menos, si se deu no ámbito bancario co chamado "dobre control de transparencia".

Así, noticias como esta de os 5,3 millóns de euros seguirán sen entenderse porque nos falta a base, fáltanos saber que é iso do mercado libre e o mercado regulado, cal ofrece máis vantaxes, cal é máis barato e que características ten cada un

Eu tería que escribir só sobre a sentenza condenatoria do Tribunal Supremo contra Iberdrola por pasar a clientes ao mercado libre sen o seu consentimento, provocando competencia desleal pero, quen ía entenderme se a maioría da xente aínda non entende nin a súa propia factura da luz?

 

Raquel Duque. Avogada de Aletra. Especialista en consumo e contratos.

Tradución DXustiza

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top