Xoves, 27 Abril 2017 14:28

A cláusula de chan e o tractor

Escrito por Raquel Duque
Valora este artigo
(1 Voto)

O noso Dereito é incoherente: se es un avogado socio dun gran bufete internacional e pides un préstamo para comprar un chalé de veraneo en Marbella porque cansaches de Sanxenxo, serás consumidor e tes dereito a que che devolvan a cláusula de chan da túa hipoteca; pero se es un agricultor que pide un préstamo para comprar un tractor porque o que tiñas xa non funciona, non se che aplica a normativa de protección das cláusulas abusivas e quédaste sen a túa devolución de cláusula de chan, malia que teñas hipotecada a túa casa.

Por que sucede isto? 

É debido a que rexe o principio da finalidade do ben ou servizo que se contrata, en lugar do principio de especialidade de quen contrata para cualificar a unha persoa como "consumidora" ou non, e que se abra todo o paraugas de normativa de protección dos consumidores. É dicir, a empresa que me vende roupa por internet, ten unha especial obrigación de darme información sobre os meus dereitos para devolver aquilo que non me guste, malia que xa os coñezo por ser avogada especialista en Dereito de Consumo. 

Non é que isto de gozar dos dereitos propios do consumidor me pareza mal, pero recoñezo que en moitos casos é innecesario e que ao final estámonos esquecendo de protexer as persoas que realmente o precisan.

Entendo que esta idea da finalidade profesional pode ter sentido baixo a premisa de que un mecánico que compra novas máquinas para o seu taller ten suficientes coñecementos como para saber que está a comprar, ou goza deste asesoramento por parte dun terceiro -o seu pai, que tamén foi mecánico, por exemplo-. Pero non sempre está a contratar servizos relacionados coa súa especialidade: a electricidade, o teléfono ou os seguros, son o noso pan de cada día nun taller, o que non significa que esa persoa teña a capacidade real de comprender o que lle están vendendo, ou que teña capacidade real de negociar as condicións nas que contrata un servizo.

Por este motivo, a lei de condicións xerais da contratación si protexe tanto ás persoas consumidoras como aos profesionais nos contratos de adhesión, pero queda moi curta porque non protexe aos profesionais das cláusulas abusivas. O concepto de "cláusula abusiva" é un privilexio só de quen goza da condición de "consumidor".

Por poñer un exemplo, non vos debe estrañar que as compañías de teléfono ofrezan prezos especiais para autónomos. Esa rebaixa no prezo supón, debido a que o fin do que contratamos é profesional, unha rebaixa tamén dos nosos dereitos fronte á compañía de telefonía móbil.

Fáltanos, por tanto, a protección especial dos autónomos, pequenas e medianas empresas que contratan fóra do seu ámbito de especialización fronte ás grandes empresas que teñen economistas, avogados e xestores a soldo. Contrátano con fin profesional, si, pero sen máis coñecementos na materia que unha persoa que contrata cun fin doméstico.

Eu teño a confianza en que o noso Dereito evolucionará, e algún día ofrecerá unha protección integral a aqueles que verdadeiramente a necesitan. Porque a base das nosas leis debe ser a Xustiza, e que hai de xusto en que o noso amigo agricultor non teña dereito a que lle devolvan a cláusula de chan porque co diñeiro do préstamo comprou un tractor no canto dunha casa?

Debemos crear conciencia social para cambialo. Este artigo é o meu primeiro paso.

 

Raquel Duque. Avogada de Aletra. Especialista en consumo e contratos.

Tradución DXustiza

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top