Imprimir esta páxina
Mércores, 17 Mai 2017 00:45

A situación do galego na Administración de Xustiza segundo o Consello de Europa

Valora este artigo
(2 votos)

I.- Introdución

Tanto o artigo 7.2 da Lei de Normalización Lingüística como o artigo 231.4 da Lei Orgánica do Poder Xudicial establecen o dereito dos cidadáns a recibir toda a documentación emitida na lingua solicitada, si así fora demandado. En xeral, considerase que as actuacións son válidas e eficaces tanto se se fan en galego como en castelán, pero a parte ou interesado teñen dereito a obter unha copia en galego se expresan unha petición neste senso.  

Tamén os representantes das partes e quenes lles dirixan (avogados é procuradores) poden utilizar a lingua galega nas manifestacións orais e escritas cando se dirixan a un Tribunal. É dicir, na súa vertente activa (lingua na cal a persoa pode dirixirse a estes órganos) como na pasiva (dereito a que a persoa sexa atendida na lingua oficial escollida), sen que no exercicio deste dereito poidan derivarse prexuízos ou cargas contra as persoas.

Semella pois que, no ámbito da Administración de Xustiza, existe unha vontade lexislativa de incidir positivamente na situación da lingua galega no ámbito xudicial e na capacitación lingüística do persoal ao servizo da actividade xurisdicional. Configurándose, deste modo, un marco de dereitos lingüísticos das persoas perante a Administración de Xustiza e de outros organismos públicos vencellados a ela.   

Polo que respecta aos dereitos lingüísticos das persoas perante a Administración periférica estatal, o artigo 15 da nova Lei 39/2015, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas (que entrou en vigor en outubro de 2016) recoñece á cidadanía, nas súas relacións coa Administración Xeral do Estado con sede no territorio dunha Comunidade Autónoma, o dereito a utilizar tamén a lingua que sexa cooficial nela.

II.- Informe do Consello de Europa

No ano 2001 o Goberno español ratificou a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias aprobada polo Consello de Europa o 5 de novembro de 1992 en Estrasburgo.

Tal e como recolle a Carta, os Estados asinantes deberán emitir informes sobre as medidas adoptadas tendentes a fiel aplicación da Carta. Ditos informes deberán ser presentados ao Secretario Xeral do Consello de Europa.

Nos seus informes periódicos, sobre a aplicación da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias, o Comité de Expertos do Consello de Europa ven considerando que, con todo, a xustiza continúa sendo un dos ámbitos onde as linguas propias das Comunidades Autónomas están menos presentes e que as medidas tomadas non bastan para brindar unha posibilidade efectiva a toda parte que puidera solicitar a utilización dunha lingua cooficial distinta do castelán nos procedementos xudiciais ou na administración, como pode observarse na ausencia de versión en galego nas aplicacións informáticas relacionadas con MINERVA ou FORTUNY, o que impide que a recolleita de datos polos propios rexistros da Fiscalía ou dos xulgados poida facerse en galego. 

Cómpre mencionar que o 21 de setembro de 2005, o Comité de Expertos sobre a Carta Europea das Linguas Rexionais é Minoritarias, publicou o primeiro informe sobre o cumprimento dos compromisos contraídos por España. Neste informe recóllense, entre outros puntos, as recomendacións que o Comité de Expertos realiza ás autoridades españolas no ámbito da xustiza. 

No Cuarto Informe, referido ao período 2010-2013, o Comité de Expertos do Consello de Europa, facéndoas extensibles a todas as linguas cooficiais do Estado español, establece as seguintes Recomendacións:

     1.    Emendar o marco legal con vistas a aclarar que as autoridades penais, civís é administrativas nas Comunidades Autónomas realizarán os procedementos nas linguas cooficiais a solicitude de parte.   

     2.    Tomar as necesarias medidas legais é practicas para asegurar que unha proporción suficiente do persoal xudicial destinado nas Comunidades Autónomas teña coñecemento laboral das linguas pertinentes.

O Comité de Expertos urxe, ademais, as autoridades a tomar as medidas necesarias para aumentar a porcentaxe do persoal xudicial, a todos os niveis e en particular entre xuíces é fiscais, con capacidade de utilizar o galego como lingua de traballo nos tribunais. Con relación a profesión de avogado´, o Comité de Expertos pide as autoridades españolas aclarar o RD 775/2011, de 3 de xuño, no relativo ao acceso á profesión. Este Decreto obriga aos avogados a pasar un exame, pero non fai ningunha referencia ao coñecemento de linguas cooficiais.  

III.- Actuacións da Xunta de Galicia

O Informe do Comité indica que é a Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia o organismo ao que lle corresponde impulsar o uso do galego na administración de xustiza en colaboración coa Secretaria Xeral de Política Lingüística. 

Ambos organismos están traballando para proporcionar ao sistema xudicial e xurisdicional galego ferramentas e recursos que faciliten e melloren a protección dos dereitos lingüísticos tanto dos traballadores da xustiza en Galicia como dos cidadáns, así como para incrementar os índices de uso da lingua galega no ámbito xudicial.

Entre as actuacións que se levaron a cabo procede destacar, segundo o informe, as seguintes:

- Elaboración e publicación en papel do Dicionario Xurídico Galego, do que existe ademais versión en liña que está accesible na intranet da Xunta para todos os empregados públicos, incluídos os da administración de xustiza, xunto a outras ferramentas lingüísticas, como o corrector Galgo ou tradutores automáticos de pares de linguas. 

- Colaboración coas actividades que realiza a Irmandade Xurídica Galega.

- Colaboración na edición anual da Revista Xurídica Galega (Rexurga). 

- Desde o ano 2006 está vixente un convenio coa Fiscalía Xeral do Estado para potenciar e promover o uso da lingua galega no ámbito de actuación da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

- Colaboración coa Escola de Práctica Xurídica e o Colexio de Avogados de Santiago, que inclúe a organización da Xornada Xustiza e Lingua.

- Colaboración coa USC na edición dun glosario de termos esenciais de dereito civil.

- Elaboración dun código de dereito civil galego a través do Centro de Investigacións Lingüísticas Ramón Piñeiro en colaboración co Parlamento de Galicia.

- Colaboración, a través dun convenio entre a Consellería de Presidencia e o Boletín Oficial do Estado, na edición en galego de normas e códigos normativos.

- Realización de actividades de difusión da lingua galega entre os traballadores da xustiza en Galicia. 

- Existencia de equipos lingüísticos no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nas audiencias provinciais de Lugo, Ourense e Pontevedra, así como na Dirección Xeral de Xustiza e nas oficinas dos decanatos de Santiago e Vigo.

- Creación do Portal da xustiza en Galicia, como canle de información ao cidadán (www.exustiza.es), dispoñible en galego e castelán, que permite aumentar a accesibilidade do cidadán á xustiza a través de novos servizos de acceso, información e canles de comunicación e interlocución máis áxiles. Inclúe a información ao cidadán, empregados públicos e profesionais dos seus dereitos, tipos de procedementos e normativa aplicable. 

- Permite xerar en pdf ou descargar todos os formularios procesuais online.

- Desde finais do ano 2011, na web externa da Dirección Xeral de Xustiza da Xunta están dispoñibles todos os formularios electrónicos para os procedementos monitorios e os modelos do Rexistro Civil en galego, xunto á normativa legal en formato electrónico. Tamén están dispoñibles a información e formularios en galego do Rexistro de Parellas de feito, xunto con toda a normativa do Dereito civil de Galicia.

- A Xunta de Galicia implantou xa completamente a aplicación informática MINERVA NOX, incluída dentro do Programa de novas tecnoloxías de Xustiza.  

Doutra banda, a Xunta de Galicia, dentro das competencias asumidas para a provisión dos medios persoais, materiais e económicos necesarios para o funcionamento da Administración de xustiza en todo o seu territorio, é responsable da formación inicial e continuada dos funcionarios ao servizo da Administración de xustiza. A formación lévaa a cabo a Escola Galega de Administración Pública. Froito da colaboración entre a SXPL e a Escola Galega de Administración Pública convocáronse no período 2010-2013 un total de 40 cursos de linguaxe xurídica galega, 8 dos cales foron na modalidade de teleformación.  

IV.- Actuacións pendentes

Dando por boas estas actuacións, cómpre unha maior implicación da Xunta para dar unha axeitada resposta a demanda do uso do galego nas actuacións xudiciais. Esta demanda non pode satisfacerse sen propiciar desde a Consellería de Xustiza servizos que integren recursos bilingües, capaces de facer efectiva na tramitación procedemental a realidade da cooficialidade. Existen, deste modo, aspectos relativos a equipamentos é recursos informáticos que, en función da súa implementación, poden xogar a favor ou en contra da normalización lingüística. 

Conseguir a incorporación do idioma galego nas aplicacións informáticas utilizadas nos xulgados é fiscalías é fundamental para que non quede á marxe dos procesos relacionados coas Novas Tecnoloxías e co expediente xudicial electrónico. 

A día de hoxe esta aplicación informática en galego non existe, polo que non resulta posible que un procedemento xudicial poida ser desenvolvido en galego desde a súa fase inicial ata a súa resolución por falta de recursos informáticos é documentais.

En cumprimento da Carta Europea da Linguas Nacionais é Minoritarias as autoridades da Xunta de Galicia deben tomar as medidas xurídicas e prácticas necesarias para garantir a presenza do galego nos sistemas informáticos dos órganos xudiciais, das fiscalías e dos colexios profesionais da avogacía e da procuradoría. Desta maneira aseguraríase a aplicación dos compromisos contidos na Carta no apartado referente á Xustiza. Unha demanda, por certo, que a Irmandade Xurídica Galega veu realizando insistentemente para conseguir unha xustiza na que o galego poida ter unha presencia moito maior da que actualmente ten.     

 

Carlos Varela García

Fiscal da Fiscalía Superior de Galicia

Membro da Irmandade Xurídica Galega

 

4 comentarios