Mércores, 17 Mai 2017 04:40

Un conto centenario

Escrito por Dalila Dopazo - Sandra Piñeiro - Luís Villares
Valora este artigo
(1 Voto)

No ano do Centenario das Irmandades da Fala unha das aproximacións históricas de interese é a reivindicación sectorial da lingua nos diferentes eidos nos que naquela altura o idioma estaba excluído, para comparar a situación arestora, e ver cal foi o camiño andado, e sobre todo, a vixencia do discurso.

No eido xurídico, as Irmandades entroncan unha tradición xa secular en Galicia, iniciada cos ilustrados Feijoo e Sarmiento, que máis dunha centuria atrás reclamaban para a Xustiza a inclusión da lingua galega como vehículo de expresión entre a curia e o pobo, superando as barreiras que impuña o castelán como canle de comunicación única, colocando nos tribunais un muro de incomprensión infranqueable.

A comezos do século pasado, os intelectuais galeguistas, algúns deles con fonda formación xurídica, poñen o acento da visibilización da lingua no seu uso polas administracións, e así Peña Novo pasou á historia como o primeiro concelleiro en usar o galego de xeito oficial na corporación local da Coruña, en 1920, e os postulados das Irmandades incluíron dende o primeiro momento a esixencia da súa oficialidade lingüística, mesmo antes de enxergar un discurso político acabado, como lembra o feito de que no Congreso celebrado en Lugo en novembro de 1918, entre os obxectivos para Galicia estaban o de que “o poder xudicial estará sempre desenvolvido por cidadáns galegos” e a “Cooficialidade do castelán e do galego”.

Neste contexto mereceu a atención singular e separada do resto de administracións a de Xustiza, o que non deixa de ser curioso, tendo en conta que a súa concepción como poder do Estado separado dos outros dous non tiña a lectura e relevancia do constitucionalismo moderno, polo que a súa asimilación a unha administración máis do reino parecería lóxica no marco dun discurso xeral sobre a lingua, pero o certo é que a súa singularidade como centro autónomo de poder e o estatuto persoal dos seus membros sempre foi algo que preocupou aos nosos devanceiros galeguistas.

As razóns, sinteticamente, eran dúas: dunha banda, o retardo con que chegaban os cambios sociais á Xustiza e aos seus membros, tanto pola rixidez das normas como pola composición da curia; e doutra, polo contacto directo que a xente tiña con estes corpos, que os obrigaba, tanto no eido penal coma no civil, a pasar pola escribanía ou directamente perante o xuíz (sen feminino posible, na época), e daquela a evidencia da asimetría era total.

Percatado deste estado de cousas, Porteiro Garea, con ocasión do discurso fundacional da Irmandade de Compostela o 28 de maio de 1916, aborda unha serie de argumentos onde analiza a actualidade da época, achegándonos por certo unha visión absolutamente universalista de Galicia, un país e un movemento preocupados polo mundo onde viven, abertos ao único cosmopolitanismo posible, o que parte do respecto á súa propia identidade, e coa vontade de construír un proxecto social con vocación maioritaria, inclusivo.

O chanzo IX da súa alocución dedicouno Porteiro a “O direito, xueces e notarios”, onde fala directamente doproblema da administración de Xustiza” para o galego centrado na cuestión da imposible interlocución en galego entre uns xuíces que nin queren nin saben o galego e un pobo a quen o Estado lle nega a posibilidade se se expresar na súa lingua. O autor aínda dá un paso máis manifestando a insatisfacción que produce a tradución, primeiro polas reticencias que causaría na curia e segundo por non expresar “con xusteza o pensamento e a vontade” do declarante. Remata o profesor exhortando aos seus irmáns que os xuíces e notarios saiban o galego, “se han ser garantía de xustiza e fidelidade”.

As palabras de Porteiro non eran casuais. Profesor de Dereito civil na Universidade de Santiago, institución da que chegou a ser Secretario Xeral, xa impartira aulas en galego de xeito ocasional, inaugurando o curso académico o 16 de Setembro de 1915, cunha palestra titulada «A transformación do direito civil pola gran guerra», no Paraninfo da universidade compostelana. A consecuencia do seu coñecemento, Porteiro reflexionou que a práctica do galego era unha decisión persoal e dolorosa, situación que cifraba na alfabetización en castelán; a ausencia de materiais de recurso como gramáticas ou dicionarios; as carencias de tradición impresa e mesmo na decisión de tornar para o galego en ambientes académicos ou rexistros cultos, o que implicaba unha situación de conflito na sociedade e na contorna política do seu tempo.

Por máis que as Irmandades non eran as primeiras voces que se alzaban na defensa da normalidade lingüística para Galicia, si foron as que construíron un corpo argumental sistemático, omnicomprensivo deste fenómeno como integrante do feito social e político, de onde o chanzo á reivindicación política da lingua era unha consecuencia necesaria, xa que a decisión de que o galego fose oficial ou que a xustiza o acollese como propio son decisións políticas, non culturais nin sociais, por máis que estes epítetos podan funcionar como presuposto da decisión política.

A eclosión no inverno das Irmandades da Fala derivou nunha tépeda primavera xurídica que para a lingua supuxo o seu recoñecemento como cooficial no artigo 4 do Estatuto de Autonomía para Galicia, referendado polo pobo galego o 28 de xuño de 1936. A tronada das bombas sumiu ao País na máis absoluta escuridade democrática e vital, e con ela o esmagamento da oficialidade da lingua propia, e a imposición e uniformización do castelán como único medio de expresión pública, facendo invisible e perseguido o idioma durante toda a ditadura.

A transición á democracia supuxo a reconexión con certos discursos culturais e lingüísticos dos anos trinta, pero o País era moi distinto, pois a castelanización forzada durante xeracións da poboación, a xeralización da alfabetización en castelán, a emigración ás urbes e o vínculo entre rural e atraso social, unido á falta de repudia oficial dos valores do franquismo –en nome da convivencia entre os que querían democracia e os que aínda detentaban un importantísimo poder real e foran élites sociais e económicas na ditadura- fixo que a recuperación da lingua galega na sociedade fose moi desigual. Con todo, a Constitución de 1978 abriu a porta a cooficialidade lingüística, que materializou o Estatuto de Autonomía para Galicia de 1981.

Daquela, logo de trinta e cinco anos de autonomía e cen de Irmandades, queda algo vixente dos anceios cristalizados nos seus discursos e manifestos, particularmente no relativo á administración de xustiza? Lamentablemente, moito.

A vixencia da cooficialidade lingüística é unha proxección do principio de igualdade formal proclamado no art. 14 da Constitución sobre o feito sociolingüístico de que a cidadanía galega tiña dúas linguas, unha tradicional e propia da maioría da poboación e outra de incorporación historicamente posterior que por razóns políticas que non veñen ao caso estudar ocupaba unha situación de preeminencia social.

Pero a simple proclama legal o único efecto que ten é conxelar a imaxe, é dicir, permitir que dende ese momento as tendencias sociais puidesen ser visibles, pero sen incidir de forma significativa no seu devalo. En consecuencia, dada a ausencia de repudio dos valores franquistas antigalegos no corpo social, as actitudes lingüísticas do conxunto social e institucional seguirían actuando nunha sorte de darwinismo lingüístico onde a lingua máis forte socialmente sería a supervivinte, usurpando progresivamente espazos coa desgaleguización das novas xeracións polos seus propios proxenitores antes galegofalantes, debido aos prexuízos interiorizados, a causa da ausencia de repudia.

A razón é a pouca eficacia que ten a igualdade formal para modificar o statu quo dunha situación. A simple proclamación do dereito á saúde non cura.

No eido da Xustiza, a simple proclamación da cooficialidade non converte ao galego en lingua relacional deste poder do Estado, nin sequera garante un trato igual en galego para quen se relaciona con esta administración.

Para garantir o dereito á saúde cómpre un sistema institucional sanitario que preveña a enfermidade, que eduque á poboación en hábitos saudables, e que teña capacidade de reaccionar cando sobreveñen as enfermidades. E isto implica formar, informar e gastar. Por que? Porque hai unha realidade que debe ser transformada para que o dereito sexa unha realidade. Do deber ser ao ser. Disto ocúpase o a igualdade material, que consiste na creación das condicións para toda a cidadanía teña unhas mínimas oportunidades en relación aos bens básicos. E a creación desas condicións encoméndaselle ao poder público, que non se limita a observar o statu quo das cousas, senón a intervir nas realidades sociais para transformalas. Isto é o que refire o art. 9.2. da Constitución cando afirma que lles corresponde “ós poderes públicos promoveren as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e mais dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas; removeren os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitaren a participación de todos os cidadáns na vida política, económica, cultural e social”, precepto asumido expresamente polo pobo galego e refrendado no art. 4.2. do Estatuto de Autonomía. Por isto dicimos que vivimos nunha democracia social, polo compromiso de solidariedade que asumimos. É a razón pola que pagamos impostos para construír hospitais públicos.

E na lingua, a democracia social realízase mediante unha política de igualdade chamada normalización lingüística, que consiste en crear as condicións para que os individuos podan ser libres para vivir en plenitude en lingua galega, que é a que o statu quo tivo e aínda ten relegada a unha posición subordinada. Isto implica, como se sabe, poñer a disposición da poboación o coñecemento pleno, pero tamén os medios materiais para o seu exercicio e o máis importante de todo, aínda que non se vexa: erradicar os prexuízos que asocian o galego a valores negativos na relación social, e aínda hoxe fan que unha persoa que fala unha lingua lle transmita outra aos seus descendentes. Danse as condicións de igualdade real entre linguas na Xustiza? Porteiro Garea debería laiarse igual cá no seu discurso de hai cen anos?

Igual, non. Parecido, si.

Igual non, porque arestora calquera cidadán/á pode dirixirse oralmente e por escrito á administración de xustiza e aos seus membros, e interactuar validamente nesta lingua sen ser sancionado por isto. Ademais, hai certo funcionariado e membros do poder xudicial e fiscal que voluntariamente deciden desenvolver o seu labor en galego, o que ocasionalmente determina que a cidadanía reciba atención en galego. Finalmente, existen servizos de tradución para xestionar as situacións de conflito que se podan dar (aínda que a súa finalidade non debera ser esa).

Parecido, si. Porque nin funcionariado nin xudicatura nin fiscalía teñen o deber de coñecer o galego, polo que na práctica ás veces o dereito cidadán de se relacionar nesta lingua vese defraudado ante a incomprensión do servidor público, que non serve ao público. Por decenas cóntanse diariamente as situacións onde con coactiva amabilidade membros da xudicatura e a fiscalía ou letrados/as da administración de xustiza suxiren ou piden a letrados/as e cidadáns que realicen as súas intervencións en castelán, porque se entende mellor para quen logo ten que decidir. Por centenas cóntanse as declaracións de cidadáns/ás en galego que son traducidas e pasan ao papel en castelán nas oficinas. E por milleiros cóntanse os documentos que diariamente emiten os xulgados en castelán porque é a única lingua na que está glosado o programa informático propiedade da administración autonómica galega, quen afirma non poder facer outra cousa por mudar a situación.

A esixencia dun tratamento en réxime de cooficialidade conleva unha penalidade de retardo adicional na tramitación do procedemento. Estamos en condicións de afirmar que non hai xulgado en Galicia que poda dispensar tratamento en galego de xeito integral ao longo do procedemento que non implique un aumento na súa duración, o que funciona como eficaz disuasor de profesionais e particulares no exercizo do seu dereito.

Cooficialidade? Si. Igualdade? Non.

E que cumpriría para camiñar cara a igualdade? Compromiso:

Compromiso no inmaterial, facendo campañas que sensibilicen sobre a realidade lingüística de Galicia, sobre a naturalidade de expresarse na propia lingua en calque - ra ambiente social ou profesional, sobre a necesidade de asumir que un debe aceptar esta situación sen impoñer a súa versión monolingüe da relación social; en definitiva, respecto. E en paralelo, unha continua labor de alfabetización funcional completa que permita a todo o mundo que o desexe, poder expresarse sen dificultade en calquera das linguas cooficiais.

Compromiso co material, fornecendo os medios para o traballo en galego: nas universidades, dando aulas en galego; nos Colexios profesionais (Avogacía, Procuradoría, Peritaxe) dispoñendo recursos materiais e modelos de traballo; nas librarías e a rede, con lexislación consolidada na nosa lingua, así como a principal xurisprudencia traducida; e por suposto, nos xulgados, dotando a funcionariado, xudicatura e fiscalía de programas informáticos que permitan traballar en galego coa mesma facilidade coa que hoxe pode facerse en castelán.

A palabra compromiso implica vontade e sobre todo, voluntariedade. E no público o que non é obrigatorio é unha decisión política, con marxe para ser ou non ser, en función de quen xestione a administración en cada caso concreto.

Pero trabúcase o poder público que crea que pode desentenderse deste compromiso. Porque ese compromiso foi asinado polo constituínte, e posteriormente pola sociedade galega plebiscitante do Estatuto, de xeito que para os poderes públicos constituídos é un acto debido, consubstancial á democracia social, ir na contra destes valores é sinxelamente ilexítimo, do punto de vista constitucional, que concibiu o poder cunha finalidade determinada, que defrauda o gobernante que se aparta dela.

Por iso hai desleixos públicos que son dificilmente aceptables, porque supoñen un exercizo do poder contrario ás finalidades que o sustentan.

Sostén o poder público autonómico que o Minerva é un programa do Ministerio de Xustiza e que a Comunidade Autónoma emprega gratuitamente pero cuxa tradución correspondería ao Estado, polo que nada pode facer a administración máis aló de introducir algún documento en galego, sen que o conxunto da aplicación poda modificarse.

Pola contra, a situación real parece diferir deste relato: o Ministerio cedeu gratuitamente o programa Minerva á Xunta con todos os dereitos de propiedade intelectual, de forma que a administración autonómica quedaba autorizada para modificar nel todo, non só introducindo documentos, senón modificando o conxunto da aplicación, entre outras cousas para adaptarse a unha versión bilingüe. Cando se asinou esta cesión o Ministerio xa advertiu á Xunta que dende ese momento eles serían os responsables da tradución, e que o Estado non podería facer esa xestión; item máis, consultada expresamente Intervención sobre este extremo, non autorizarían ese gasto, ao que tamén se oporía a Avogacía do Estado, dada a previa cesión gratuíta de dereitos sobre o programa. En consecuencia, a Xunta é dende ese momento a titular da aplicación en Galicia e a única facultada para modificalo ou traducilo.

Pode unha administración con competencias e medios renunciar a dotar de contido a legalidade lingüística nun ámbito que constitúe un Poder que garante a democracia no corpo social, como é o caso da Xustiza?

As verbas de Porteiro Garea volven a nós coma ecos non escoitados nas esferas do poder: cómpre esixir a galeguización completa da administración, dos seus axentes e dos seus medios, como única garantía para a cidadanía de xustiza e fidelidade.

Todo o demais, son contos.

 

Dalila Dopazo     Sandra Piñeiro     Luís Villares

Xuíza                   Xuíza                   Xuíz en excedencia e deputado autonómico

 

Artigo cedido pola Irmandade Xurídica Galega

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top