Venres, 08 Xullo 2016 01:38

O presidente do TSJ do País Vasco aposta por unha linguaxe clara que traslade á sociedade as resolucións xudiciais

Escrito por DXuztiza
Valora este artigo
(2 votos)

“Os xuíces deben traballar tendo presente o interese social das súas resolución”, afirmou Juan Luis Ibarra na Escola de Verán do Poder Xudicial

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco, Juan Luis Ibarra, afirmou hoxe na Escola de Verán do Poder Xudicial, que se celebra no municipio coruñés de Bergondo, que os xuíces deben traballar tendo presente o interese social das súas resolucións e empregar unha linguaxe clara que permita trasladar á sociedade ese contido a través das oficinas de comunicación do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Ibarra reflexionou no seu relatorio, titulada A lexitimidade democrática do Poder Xudicial e dos seus órganos de goberno, sobre a constante expansión das funcións da xurisdición na vida cotiá e situou ao Poder Xudicial como garante "dos dereitos fundamentais de todos e de control da legalidade na actuación ou na omisión dos poderes públicos".

Para o presidente do TSJ do País Vasco, "a lexitimidade do Poder Xudicial non pode alcanzarse á marxe da confianza das persoas na imparcialidade, honestidade, competencia intelectual, capacidade de xuízo e rigor ético daquela ou aquel de quen solicita a administración da xustiza".

Na segunda sesión do primeiro curso da Escola de Verán, que se celebra no pazo de Mariñán, participou tamén Javier Gomá, ensaísta e director da Fundación Juan March, quen reflexionou sobre a exemplaridade pública na vida xudicial. Gomá apostou por un Poder Xudicial "sen personalismos".

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top