Martes, 02 Agosto 2016 11:45

Os Premios Dereitos Humanos da Avogacía Española distinguirán este ano a loita a prol dos refuxiados

Escrito por DXustiza
Valora este artigo
(1 Voto)

O Consello Xeral da Avogacía Española, a través da súa Fundación, abre o prazo de presentación de candidaturas para optar á XVIII edición dos Premios Dereitos Humanos da Avogacía Española.

Con carácter excepcional para a convocatoria de 2016, todas as candidaturas desta edición nas categorías de Persoa, Institución e Medio de Comunicación, deberán referirse a accións ou persoas que teñan como referencia a loita polos dereitos dos refuxiados, o seu recoñecemento, a súa defensa e a súa acollida e integración.

Os galardóns anuais teñen como obxecto facer público recoñecemento de persoas, institucións ou medios de comunicación que polo seu labor ou actividade contribuísen de forma relevante á defensa dos Dereitos Humanos e contra a inxustiza. O premio entregarase durante o acto de exaltación dos Dereitos Humanos que todos os anos convoca o Consello con motivo da celebración da Conferencia Anual da Avogacía.

Concédense en catro categorías: persoas, institucións e profesionais, medios de comunicación, tanto escritos como audiovisuais, que se distinguiron pola divulgación, promoción e defensa dos Dereitos Humanos, e, desde 2012, un Premio Especial Nacho da Mata, dedicado a premiar a institucións ou persoas que destaquen polo seu labor na protección da infancia máis vulnerable.

Os candidatos poden ser presentados por persoas ou institucións vinculadas co mundo da Avogacía ou do Dereito, mediante proposta razoada, con constancia expresa dos datos que demostren a súa actividade en defensa dos dereitos humanos e cun currículo de cada persoa ou institución.

No caso dos medios de comunicación, achegarase, ademais, unha copia do artigo publicado ou, no seu caso, do programa de radio ou audiovisual correspondente. O período para presentar candidaturas termina o 30 de setembro de 2016.

Pódense consultar as bases premendo aquí.

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top