Imprimir esta páxina
Xoves, 01 Xuño 2017 22:11

O notario Vitorio Magariños denuncia que a "dexenerativa actividade dos políticos" leva a un "retroceso e unha fatiga democrática"

Valora este artigo
(1 Voto)

"A dexenerativa actividade dos políticos provocou tal deterioración que xustifica que se fale de retroceso e fatiga democrática", dixo esta tarde na Coruña o notario Vitorio Magariños na sede do Colexio Notarial de Galicia, nunha conferencia organizada pola Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación.

Magariños, engadiu que "aínda que os partidos fosen leais e eficaces promotores dunha convivencia pacífica, iso non bastaría para o control democrático do Poder", e que nese punto é onde aparece como crucial o complemento do Dereito.

Na súa disertación Humanización das relacións de Poder. Estado e Xustiza, o tamén académico afirmou que os partidos políticos "erixíronse en únicos protagonistas da actividade política e afastáronse cada vez máis dos verdadeiros intereses dos cidadáns", en tanto que estes "sufriron as consecuencias negativas, sen albiscar solucións á situación crítica".

Ese divorcio entre políticos e cidadáns "deu lugar ao rexeitamento e á indignación, e ao xurdimento de novos movementos e líderes que se presentan como a solución aos sufrimentos e desenganos sufridos", explicou.

O relator considerou necesario que os partidos políticos, movementos ou grupos que vaian xurdindo, limiten o seu ámbito de influencia ao estritamente político e eviten a intromisión nas institucións neutras, ou o uso de calquera método que provoque a colonización das institucións civís e da propia sociedade.

"Cómpre -insistiu- que a soberanía popular non quede mediatizada e desnaturalizada pola actuación interposta e abusiva dos partidos políticos, que neste momento convertéronse nun verdadeiro problema".

Magariños insistiu en que o verdadeiro Dereito transcende a democracia, pois debe recoller os principios necesarios para a realización da xustiza, que é o fin último e radical do Estado. Ou o que é o mesmo, "todo o ordenamento xurídico debe estar transido de xustiza, para lograr unha auténtica e perdurable paz social", subliñou.

O notario foi claro ao afirmar que "de nada serve que o esquema do Estado Democrático de Dereito se articule formalmente, nin que as constitucións recollan e regulen con pulcritude os principios adecuados a unha sociedade xusta, se as persoas encargadas de aplicalas, con actitude desleal, se serven del para manterse no Poder, eludindo ou incumprindo as normas, de nada serve se a sociedade, pasiva, inerte, renuncia á participación política e á esixencia do encanamento".

Como conclusión, apuntou que a clave verdadeiramente eficaz para o bo funcionamento do Estado é a cultura, entendida esta non como erudición, senón no ámbito da rectitude e a moral. "Unha cultura -remarcou- que manteña vivo o espírito crítico e participativo dos cidadáns, a través de institucións civís e neutras, con peso social suficiente para frear a tendencia expansiva do poder político e facilitar o control do seu exercicio".

Victorio Magariños Blanco é  vocal permanente da Comisión Xeral de Codificación, académico de número da Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación Sevillana e académico correspondente da Real Academia Galega.