A Sala do Civil e Penal do TSXG notificou hoxe un auto no que se acorda o sobresemento libre e arquivo das actuacións iniciadas pola querela presentada contra o titular do Xulgado de Instrución nº1 de Ourense, Leonardo Álvarez, ao concluír que os feitos investigados "non son constitutivos do delito" de prevaricación xudicial do que o acusaban os querelantes, a ex concelleira socialista da capital ourensá, Áurea Soto, e o avogado Carlos Hernández.
Os maxistrados sosteñen que non se pode considerar que a conduta do querelado poida ser prevaricadora, pois as resolucións ditadas no procedemento contra os querelantes, "aínda que poden ser non compartidas, non por iso están orfas dunha xustificación xuridicamente razoable". Trátase dunha resolución firme contra a que non cabe recurso.