Xoves, 19 Xaneiro 2017 12:57

A Avogacía participa no Día do Avogado Ameazado, dedicado á situación dos letrados en China

Escrito por DXustiza
Valora este artigo
(1 Voto)

O Consello Xeral da Avogacía Española e a Fundación da Avogacía, membros fundadores do Observatorio Internacional de Avogados en Risco, celebran o martes 24 de xaneiro a Xornada dedicada á Avogacía Ameazada. Con esta iniciativa súmanse aos actos promovidos anualmente pola Asociación Libre de Avogadas e Avogados (ALA) dentro dos convocados pola Asociación Europea de Avogados Demócratas (AED) de maneira paralela en varias capitais europeas.

En atención ao elevado número de denuncias recibidas, a República Popular China foi o país escollido pola situación na que se atopan os seus avogados, onde existen indicios e feitos que amosan o elevado risco que comporta o exercicio profesional ao redor da defensa de dereitos.

Os actos para conmemorar o Día do Avogado Ameazado estarán dirixidos a expresar a solidariedade e compromiso cos letrados da República Popular China que padezan ou padecesen algunha forma de vulneración dos seus dereitos por razóns estritamente relacionadas co exercicio da avogacía e a defensa dos dereitos humanos.

Vitoria Ortega, presidenta do Consello Xeral da Avogacía Española, presidirá a apertura da Xornada. Nela intervirán María Baeza, coordinadora de China en Amnistía Internacional; Su Yutong, xornalista defensora dos dereitos humanos e activista; e Rafael Eguiguren, experto especializado en resolución de conflitos, e antigo responsable do portafolio de Dereitos Humanos da Unión Europea en China. Oriol Rusca, presidente da Comisión de Relacións Internacionais do Consello Xeral da Avogacía Española fará de moderador. A clausura contará coa intervención de Jaime Montero, coordinador da Comisión de Defensa da Defensa de ALA.

A xornada celebrarase o 24 de xaneiro, a iniciativa da Asociación Libre de Avogadas e Avogados, en conmemoración do aniversario da matanza dos avogados laboristas de Atocha en 1977, cando se cumpren 40 anos daquel crime perpetrado por terroristas de extrema dereita.

Ás 13:30 horas efectuarase unha concentración, convocada pola Asociación de Avogados Demócratas (AED), fronte á Embaixada da República Popular China.

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top