Luns, 11 Xullo 2016 13:36

O Supremo impide que os concellos cobren a empresas de telefonía polo uso que os seus clientes fan do espazo aéreo

Valora este artigo
(5 votos)

Sería como pretender "impoñer un canon pola navegación de aeronaves que circulen por encima do territorio local", razoa a sentenza

A Sala Terceira do Tribunal Supremo rexeita nunha sentenza que os concellos cobren unha taxa ás empresas de telefonía polo uso que realizan os usuarios de teléfonos móbiles do espazo aéreo que se eleva sobre o chan do municipio.

A resolución, feita pública hoxe e da que foi relator o maxistrado Juan Gonzalo Martínez Micó, rexeita a ordenanza fiscal aprobada en 2013 polo Concello de San Cebrián de Castro (Zamora) e destaca que "é coma se cada Concello aspirase a impoñer un canon pola navegación de aeronaves que circulen por encima do territorio local". 

O Supremo destaca que a taxa vulnera a Constitución, a Directiva Europea do sector, e a Lei Xeral Tributaria, xa que é "unha inaceptable invasión das competencias estatais e unha manifesta duplicidade impositiva". 

O concello considerábase amparado polo  Real  Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, en canto autoriza ás entidades locais a establecer taxas por aproveitamento especial do dominio público local.

Pero o Supremo lembra que o dereito de voo (espazo sobre o chan do municipio) "sempre vai ligado ás construcións e infraestruturas que poidan realizarse sobre a superficie do terreo, sen que en absoluto poida definirse aquel dereito como unha facultade xenérica do titular do solo para considerar ata o infinito todo "o aire" que se estenda sobre o terreo da súa propiedade".

Engade que o propio concello expuxo de forma reiterada no Informe Técnico-Económico que serviu de base á Ordenanza que o pretendido obxecto de gravame da taxa non son só os tendidos de redes fixas que se eleven por encima do solo, o que se trataría dunha construción e si podería dar lugar á imposición dunha taxa ao seu titular, "senón que é a ocupación que do aire fan as ondas de telefonía móbil".

O Tribunal indica que do contido do artigo 2.b da Ordenanza (que queda anulado) dedúcese que o feito impoñible da taxa viría dado polo aproveitamento especial que do voo do dominio publico local -"espazo aéreo situado sobre rúas, prazas, parques e demais vías e camiños públicos- obteñen as operadoras de telefonía móbil "polo mero feito de ter clientes abonados a liñas de móbil no municipio, e iso baixo os presupostos de que a telefonía móbil leva necesariamente o tránsito indiscriminado de ondas radioeléctricas polo espazo aéreo (voo) e de que os abonados portadores dos seus móbiles transitan ou ocupan, ou poden transitar ou ocupar, o solo municipal".

Para a Sala, "a regulación do feito impoñible que leva a cabo a Ordenanza Municipal recorrida vulnera frontalmente a Lei Xeral de Telecomunicacións, xa que é cuestión pacífica que o espazo radioeléctrico non é propiedade das entidades locais, senón que é de titularidade estatal".

A imposición dunha taxa municipal polo uso do dominio radioeléctrico "supón -engade a resolución- unha inaceptable invasión das competencias estatais e unha manifesta duplicidade impositiva que contravén o artigo 31 da Constitución e os principios xerais que han de rexer a imposición fiscal recollidos no artigo 3 da Lei Xeral Tributaria".

"É evidente -engade- que de impoñerse a taxa de telefonía móbil establecida na Ordenanza estaríase a dar carta de natureza a dous tributos con idéntico feito impoñible, concorrendo, ademais, a circunstancia de que a Administración local carece de competencia para gravar o espazo radioeléctrico, por ser este de titularidade estatal, o que converte á taxa debatida neste procedemento en manifestamente ilegal".

Desde o ceo ata os infernos

Para os efectos de delimitar o concepto de voo, a Sala indica que a Ordenanza impugnada emprega un concepto de voo "que parece, por así dicilo, remontarse sen maior matización á época dos xurisconsultos romanos, que recoñecían ao propietario a facultade de utilización indefinida do espazo aéreo que se acha sobre o seu fundo e do subsolo baixo el, e dos ulteriores romanistas medievais, que empregaron unha fórmula moito máis absoluta: o poder do propietario estendíase usque ad sidera et usque ad inferos; algo así como que a propiedade da terra vai desde os ceos ata os infernos, en palabras da sentenza (do TSX de Castela e León) recorrida".

A sentenza impón o pago das custas ás entidades recorrentes, por desestimarse totalmente o seu recurso, por unha contía máxima de 8.000 euros.

 

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top