Xoves, 18 Agosto 2016 02:05

Os órganos xudiciais galegos recibiron un 6% menos asuntos o ano pasado e rebaixaron nun 10% as causas pendentes

Valora este artigo
(1 Voto)

Os xulgados e tribunais da Comunidade Autónoma resolveron 453.000 asuntos en 2015, máis da metade deles na xurisdición penal

Os órganos xudiciais galegos recibiron, de xaneiro a decembro do ano pasado, 442.940 causas, fronte ás 470.500 do ano anterior, o que supuxo un descenso do 6%. Ao resolvérense máis dos que entran, os procedementos en trámite ao final do exercicio diminuíron un 10%, pasaron dos 152.032 pendentes do ano 2014 aos 136.330 de 2015.

En total, os xulgados e tribunais de Galicia resolveron o ano pasado 453.000 asuntos, dos cales máis da metade corresponden á xurisdición penal, segundo consta na Memoria de Actividade dos Tribunais e Xulgados de Galicia correspondente a 2015.  

As seccións penais das audiencias provinciais resolveron o ano pasado 11.306 causas, fronte a unha entrada de 10.866, o que permitiu un descenso dos asuntos pendentes de resolver nun 14%, ao pasar de 3.000 ao comezo de 2015 a 2572 ao finalizar. Tamén os xulgados do penal pecharon o ano pasado con menos casos pendentes. Os 21 órganos desta clase que hai en Galicia resolveron de xaneiro a decembro 8.751 asuntos, pechando o ano con 5.071 pendentes, fronte aos 5.407 que había ao comezo de 2015.

En canto aos asuntos recibidos en todas as xurisdiciones, a provincia de Pontevedra é a que rexistra un maior número de procedementos ingresados —169.852—, o que supón 1.846 causas de media por órgano xudicial. Séguelle A Coruña, con 158.006 (1.612 de media por órgano), Lugo, con 44.580 (1.486 por órgano) e Ourense, con 44.177 (1.425). 

Asuntos pendentes

A memoria sinala a progresiva normalización da pendencia nas salas do social e do contencioso-administrativo do TSXG, “de especial transcendencia na actividade xudicial galega”, pola súa positiva evolución. 

A Sala do Social rebaixou a pendencia ao longo do ano 2015 en 2.367 asuntos, ao pasar de 6.853 pendentes de resolución a comezos de 2015 aos 4.486 ao finalizar ese ano. E é que a Sala resolveu neste período 7.509 procedementos, fronte aos 6.380 do ano anterior, un aumento motivado polo esforzo do persoal e o plan de autorreforzo autorizado polo Consello Xeral do Poder Xudicial.

A Sala do Contencioso-administrativo continuou estruturada en catro seccións, con competencia, esencialmente, en materia de persoal, urbanismo, expropiación forzosa e tributos. Os maxistrados resolveron preto de 4.000 asuntos, o que permitiu que a pendencia diminuíse un 22%, continuando coa tendencia á baixa iniciada no ano 2011.

O número de asuntos pendentes de finalizar descendeu tamén nas audiencias provincias. As seccións civís rexistraron o ano pasado 6.818 novas causas e resolveron 6.918, quedando pendentes ao finalizar o exercicio 2.848 asuntos, fronte aos 2923 que había ao comezo. A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, é a que máis procedementos recibe.

En relación ás comunicacións telemáticas, en 2.015 realizáronse un total de 4.955.305; e ata o 28 de abril deste ano, 1.572.632.

Balance das preferentes

Ao longo do 2015 destacou pola súa relevancia pública e significado social o peche dos xulgados exclusivos de preferentes, articulados no seu día como reforzo nas cidades da Coruña e Vigo. Estes órganos, que acabaron a súa función o 30 de decembro de 2015, foron creados no mes de setembro de 2013 para afrontar a entrada masiva de asuntos derivados da comercialización de determinados produtos financeiros.

Resolveron desde a súa creación 4.077 asuntos, deles, 2.256 corresponden a Vigo e 1.821 ao xulgado de reforzo da Coruña, deixando pendentes de celebrar á súa extinción 38 xuízos, o de Vigo, e o da Coruña 88, que foron enviados a repartición. Consta na memoria que “resulta evidente que tales xulgados de reforzo posibilitaron unha resposta en tempos razoables a centos de demandas e evitaron colapsar o funcionamento dos restantes xulgados de primeira instancia da Comunidade”.

A memoria menciona tamén os xulgados que a Sala de Goberno do TSXG considera imprescindible crear. Aínda que se aclara que se descoñece o número de órganos xudiciais de posible posta en funcionamento na Comunidade Autónoma por parte do Ministerio de Xustiza, a Sala solicita a creación de seis novos xulgados (do Social na Coruña, Santiago e Vigo; de Familia en Vigo, e de Primeira Instancia na Coruña e Ourense) e dúas prazas de maxistrado para órganos colexiados (Sección 6ª Audiencia Provincial Pontevedra, con sede en Vigo, e Sección 1ª da Audiencia de Lugo). 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top