Xoves, 24 Novembro 2016 00:12

Un xulgado prohíbe á web Rojadirecta emitir partidos de fútbol de pago propiedade exclusiva de Mediaproducción

Valora este artigo
(1 Voto)

A páxina web Rojadirecta non poderá seguir emitindo retransmisións deportivas producidos pola empresa Mediaproducción, que posúe, entre outros, os dereitos exclusivos dos partidos da Liga Profesional de Fútbol de Primeira División.

Así o determina unha sentenza do Xulgado do Mercantil nº2 da Coruña, que vén de estimar a demanda presentada por Mediaproducción contra a entidade Puerto 80 Projects e o seu representante legal, propietarios da citada web de ligazóns, moi popular en España por facilitar o acceso a eventos deportivos de pago sen custe algún.

A xuíza declara que os demandados violaron dereitos de propiedade intelectual de Mediaproducción e os condena “a cesar inmediatamente na facilitación de ligazóns da internet, de calquera tipo, que dean acceso ao visionado en directo ou en modo lixeiramente diferido de partidos de fútbol producidos ou emitidos por calquera das demandantes, xa sexa na actual ou en futuras tempadas, a través de  www.rojadirecta.me ou de calquera outra páxina web que os demandados puidesen utilizar en iguais termos, ou que redireccione a ela.

Tamén os condena a cesar, en xeral, "en calquera outro uso ilícito dos contidos cuxa explotación exclusiva corresponda ás demandantes”, como ocorre no caso da Liga española de fútbol.

Prohíbeselles ademais aos demandados “a utilización ou explotación de calquera soporte ou sistema tecnolóxico ou informático para prestar o servizo de visionado en directo ou en modo lixeiramente diferido de partidos de fútbol producidos ou emitidos por calquera das demandantes”.

A sentenza declara que a conduta dos demandados causou danos aos demandantes e, en consecuencia, que están solidariamente obrigados a indemnizar á empresa demandante polos prexuízos causados, aínda que se deixa a determinación deses danos para un proceso posterior.

Por último, condénaos a publicar o texto do encabezamento e fallo da resolución xudicial na pantalla de inicio da propia web e das que a ela redireccionan, e que están controladas polos demandados, durante alomenos dúas semanas.

A resolución non é firme e contra ela cabe recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña.

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top