Xoves, 24 Novembro 2016 23:30

Vodafone non poderá cobrar aos seus clientes por liberar os seus móbiles

Valora este artigo
(1 Voto)

Un xulgado coruñés resolve, a instancias da Fiscalía, a primeira demanda colectiva promovida contra unha empresa de telefonía

A compañía de telefonía Vodafone non poderá seguir cobrando aos seus clientes por liberar os seus teléfonos móbiles para poder utilizalos con calquera outro operador unha vez rematado o período de permanencia.

Así o resolve unha sentenza do Xulgado do Mercantil nº1 da Coruña, que estima dese modo a demanda interposta polo Ministerio fiscal, Adicae e diferentes particulares contra Vodafone e declara nula por abusiva unha cláusula relativa ao desbloqueo de terminais.

A demanda colectiva, a primeira que se produce contra unha empresa de telefonía, foi presentada en 2015 pola Fiscalía coruñesa, e a ela sumáronse a asociación de consumidores citada e varios clientes.

O xuíz considera nula a condición xeral concretada no punto 8 dos contratos, no que prevé o cobro dunha cantidade ao cliente por liberalizar os terminais móbiles.

“En definitiva -indícase no fallo- unha vez finalizado o período de permanencia, ou con anterioridade, se se abonou a cláusula penal ou se están cumprindo as obrigas derivadas do contrato, o cliente debe ter a posibilidade de utilizar libremente o terminal”.

A sentenza explica tamén que o fallo ten que aplicarse a todos os clientes que celebrasen ou vaian celebrar contratos nos que a compañía demandada preste servizos de telefonía móbil, aínda que non fosen parte no proceso.

Ademais, condénase a Vodafone a devolver as cantidades cobradas, incluídos os impostos.

O xuíz acorda así mesmo que se imporá unha multa coercitiva a Vodafone de 5.000 euros por cada día que transcorra, a partir dos dous meses seguintes á data da firmeza da sentenza, no caso de que a empresa non cesase no uso das condicións xerais declaradas nulas. En todo caso, Vodafone poderá recorrer a resolución xudicial nun prazo de 20 días a partir da data de notificación dela.

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top