Domingo, 22 Mai 2016 08:27

Impóñenlle unha multa de 601 euros pola 'ley mordaza' a unha xornalista que cubría o caso Pujol ante a Audiencia Nacional

Valora este artigo
(1 Voto)

O expediente sancionador atribúelle unha infracción grave de desobediencia á autoridade por non permanecer na zona acoutada para xornalistas

A delegación do goberno en Madrid pretende impoñerlle unha multa de 601 euros á xornalista de Catalunya Ràdio Mercè Alcocer por desobedecer aos axentes da autoridade o día 20 de febreiro do 2016, perante a sede da Audiencia Nacional en Madrid, mentres traballaba como enviada especial no seguimento do caso Pujol, informou onte a Corporación Catalana de Medios de Comunicación (CCMA).

O expediente sancionador atribúelle á xornalista unha "infracción grave de desobediencia á autoridade", prevista na nova Lei Orgánica 4/2015 de Protección da Seguridade Cidadá (coñecida como "lei mordaza"), por non permanecer na zona acoutada para xornalistas no seu intento de se achegar a Jordi Pujol e Marta Ferrusola.

Segundo a sancionada, "os axentes entorpeceron en todo momento a tarefa informadora dos xornalistas cun celo excesivo". "Impedíuselles aos medios accederen aos avogados e ao fiscal, dentro e fóra das dependencias xudiciais. Ao non poder achegarme para obter declaracións, quixen acceder por unha rúa lateral á entrada da Audiencia, e alí pedíronme a documentación", di Alcocer. "En realidade", engade, "non sei exactamente cal é a desobediencia que se me atribúe".

A CCMA expresou o seu apoio á traballadora e manifesta o seu rexeitamento ante unha situación "que supón o impedimento aos profesionais dos medios de comunicación do exercicio libre da profesión, entendido como un ben imprescindible para a saúde da democracia".

Mercè Alcocer está especializada en información xudicial e traballa en Catalunya Ràdio desde 1987. Tamén foi durante nove anos xefa de prensa do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña. 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top