Mércores, 25 Mai 2016 16:46

Condenan ao ex subdelegado do Goberno de Lugo a 3 meses de cárcere e un ano de inhabilitación pola trama das multas

Valora este artigo
(1 Voto)

Para o ex xefe de Tráfico, 2 anos de prisón e 3 de inhabilitación - O Supremo rebáixalles por dilacións indebidas as penas impostas en xuño de 2015

O Tribunal Supremo vén de condenar a 3 meses de prisión e 1 ano e 1 mes de inhabilitación para todo cargo público electivo ou de designación en calquera Administración pública ao exsubdelegado do Goberno en Lugo entre 2004 e 2009, Jesús Otero Calvo, por delito de tráfico de influencias, pola trama de retirada de multas de tráfico desenvolvida en esa provincia.

Así mesmo, condena ao ex xefe provincial de Tráfico en Lugo entre 2006 e 2009, Julio González Díaz, a 2 anos de prisión por delito de falsidade en documento público, e a 3 anos de inhabilitación especial para o cargo de xefe provincial ou funcionario da Dirección Xeral de Tráfico por delito de prevaricación.

A sentenza aplica a ambos a atenuante moi cualificada de dilacións indebidas. O alto tribunal reduce as penas aos dous condenados respecto das impostas o 30 de xuño de 2015 pola Audiencia Provincial de Lugo, xa que esta non se axustou ao solicitado pola Fiscalía en canto a rebaixar dous graos (e non só un) as condenas en aplicación de dicha atenuante moi cualificada. A Audiencia de Lugo condenou a González Díaz a 2 anos e 3 meses de cárcere e a Otero Calvo a 7 meses e 15 días de prisión. Tamén se corrixen lixeiramente á baixa, polo mesmo motivo, as penas de inhabilitación.

Segundo os feitos probados da sentenza, os dous acusados, no ámbito das súas funcións, "sen fundamento algún, caprichosa e inxustificadamente, salvo o interese de beneficiar exclusivamente ás persoas sometidas aos expedientes, conviñeron a práctica de decidir arquivar" determinados expedientes por sancións de tráfico, entre 2006 e 2009, "ordenando a práctica da anotación Terminación por Sobresemento" (TS) na aplicación informática que rexistraba todos os pasos de cada un deles".

Engade que o subdelegado, desde a súa posición de superioridade, influía e presionaba sobre Julio González, "facendo anotacións nos boletíns ou noutras resolucións, con nomes de persoas, xeralmente, do seu mesmo partido político -que aparecían como persoas que intercedían polos respectivos sancionados, enviándollos ao Sr. González (ou noutras ocasións, entregándollos en man, ou chamando por teléfono), indicándolle o interese que tiña en que se sobresese o correspondente boletín, levando a cabo a execución de tal indicación o Sr. González sen máis motivo que a petición do Sr. Otero".

O Supremo anulou en maio de 2015 a primeira sentenza que a Audiencia de Lugo ditou neste caso, que absolveu aos 23 acusados por nulidade das probas. O TS ordenou á Audiencia ditar unha nova sentenza dando validez a esas probas anuladas. O 30 de xuño de 2015, a Audiencia de Lugo ditou a súa segunda sentenza, que foi revisada de forma definitiva agora polo Supremo.

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top