Mércores, 22 Xuño 2016 13:41

A Fiscalía do Supremo defende o dereito a votar que lle negou o xuíz a unha moza compostelá con discapacidade intelectual

Escrito por DXustiza
Valora este artigo
(4 votos)

A Xunta Electoral Central recoñeceu que nos comicios de 2011 estaban incapacitadas para o sufraxio activo preto de 80.000 persoas 

Mara é compostelá, ten 19 anos e quere votar. Pero non poderá facelo o domingo porque hai dous anos un xulgado incapacitouna para o sufraxio activo. Uns meses despois, a Audiencia da Coruña ratificou esa resolución, e o pasado mes de marzo a Sala do Civil do Tribunal Supremo volveulle a negar ese dereito.

Pero, malia os reveses xudiciais, Mara segue querendo votar, e os seus pais, a súa avogada e o fiscal de Sala do Civil do Tribunal Supremo, José María Paz Rubio, queren axudala a conseguilo nun futuro.

No informe no que solicita a nulidade das actuacións que lle arrebataron á moza o seu dereito a voto, o fiscal subliña que “é moi importante e meritorio que unha persoa coa súa capacidade xudicialmente modificada, estea loitando polo seu dereito fundamental ao voto, e por iso o Ministerio Fiscal debe amparala”. E tamén “porque a privación do dereito de voto a esa persoa non se pode dicir que protexe o maior interese dela mesma”, como esixe a Convención Internacional de Nova York sobre Dereito das persoas con discapacidade, asinada por España en 2008.

Na sentenza que a incapacitou para o sufraxio alegaba o xuíz que o “nivel de competencia curricular” da moza “é de primeiro ciclo de educación primaria (de 6 a 8 anos)”, ao que engadía “o seu descoñecemento casi total do valor do diñeiro ou de conceptos legais básicos e a súa carencia casi total de coñecementos políticos”. 

Pola súa banda, o Tribunal Supremo (TS) sinalou que se trata dunha medida “dirixida a protexer os intereses do incapaz e o propio interese xeral de que a participación electoral se realice de forma libre e cun nivel de coñecemento mínimo respecto do dereito a votar e da decisión adoptada” co sufraxio. 

Fronte a ese criterio, e seguindo os preceptos da Convención de Nova York, o fiscal argúe que a interpretación do TS “é contraria aos principios de igualdade e non discriminación”, posto que ese “exame de capacidade” non se lles aplica a todos os electores, senón que “só se realiza sobre un conxunto da poboación definido e que se identifica no seo dun proceso xudicial” que debe procurar “a mellor garantía dos seus dereitos”.

Para o fiscal, esa garantía “nunca pode pasar pola súa negación, de forma tal que non pode protexerse vulnerando, como se veu facendo ata agora”.

O Ministerio Público considera vulnerado, neste caso, non só o artigo 23 da Constitución que ampara o dereito fundamental ao voto, senón tamén o dereito á igualdade e non discriminación, "expresamente enunciado nela non só como valor supremo do noso ordenamento xurídico (art. 1.2), senón como un dereito material (art. 14).

80.000 incapacitados para votar

Nun extenso informe de 76 páxinas, a Fiscalía do Tribunal Supremo lembra que, segundo os datos que lle remitiu a Xunta Electoral Central con ocasión das eleccións xerais de 2011, nese momento figuraban como incapacitados para o sufraxio activo 79.398 cidadáns (42.475 mulleres e 36.923 homes), que por franxas de idade distribuíanse do seguinte modo: 10.119 de entre 18 a 30 anos, 38.329 de 31 a 64 anos e 30.950 de 65 a 109 anos.

Á vista destes datos e do disposto na Convención de 2006, o fiscal de Sala chega a preguntarse "se é constitucional a Lei Electoral, cos artigos 14, 23, 1, 10 e 49 da Constitución Española", xa que a denegación do dereito a voto "só sería aplicable constitucionalmente en supostos de plena inconsciencia, ou absoluta falta de coñecemento da persoa".

O Ministerio Público lembra que o  Comité que avalía a aplicación da Convención por parte dos países que a subscribiron, recomendoulle ao Estado español que revise toda a lexislación pertinente para que todas as persoas con discapacidade, independentemente da súa deficiencia, da súa condición xurídica ou do seu lugar de residencia, teñan dereito a votar e a participar na vida pública en pé de igualdade cos demais.

Concretamente, o Comité pídelle ao Estado que modifique o artigo 3 da Lei orgánica Nº 5/1985 de Réxime Electoral Xeral, que autoriza aos xuíces a denegar o dereito de voto en virtude de decisións adoptadas en cada caso particular. E engade que esa modificación “debe facer que todas as persoas con discapacidade teñan dereito a votar”.

“Toda persoa discapaz, na maioría dos supostos, debe ter posibilidade de votar, calquera que sexa a deterioración da súa capacidade cognitiva, sempre que quede alguna, e iso tamén vai implícito no respecto á dignidade da persoa recoñecido no artigo 10 da Constitución Española”, conclúe o fiscal.

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top