Luns, 01 Agosto 2016 18:10

O Constitucional suspende a resolución do Parlamento catalán e advirte a Forcadell sobre posibles responsabilidades penais

Valora este artigo
(1 Voto)

A presidenta da cámara terá que informar en 20 días sobre o cumprimento da sentenza do TC que declarou inconstitucional e anulou o proceso soberanista

O pleno do Tribunal Constitucional (TC) acordou por unanimidade suspender de maneira cautelar a resolución aprobada o pasado 27 de xullo polo Parlamento de Cataluña na que se determinan os pasos que se deberían de seguir para a "desconexión" con España, a redacción e aprobación dunha constitución propia e a proclamación dunha república catalá independente.

Tribunal Constitucional
Tribunal Constitucional

Os 11 maxistrados do TC decidiron admitir a impugnación formulada polo Goberno contra a resolución 263/XI do Parlamento catalán, e esa admisión supón suspender automaticamente por un máximo de cinco meses "a vixencia e aplicación" deste documento, tal como prevé o artigo 161.2 da Constitución.

O pleno trasladou ao Ministerio Fiscal e ao Parlamento de Cataluña a petición de nulidade do documento de desconexión, e dálles ás dúas institucións un prazo de 20 días para que formulen as alegacións que estimen convenientes.

Advertencias a Forcadell

Ademais de "notificar persoalmente" a súa decisión á presidenta do Parlamento de Cataluña, Carme Forcadell, á cámara autonómica no seu conxunto, ao seu secretario xeral, ao presidente da Generalitat, Carles Puigdemont, e aos membros do seu gabinete, o pleno do TC infórmalles "do seu deber de impedir ou paralizar calquera iniciativa que supoña ignorar ou eludir a suspensión acordada, apercibíndolles das eventuais responsabilidades, incluída a penal, nas que puidesen incorrer".

Así mesmo, require a Forcadell, aos demais membros da mesa do parlamento catalán e ao seu secretario xeral para que en 20 días informen sobre o cumprimento da sentenza do TC 259/2015 do pasado mes de decembro na que se declarou inconstitucional e nula a resolución da cámara catalá que abría "o proceso político en Cataluña como consecuencia dos resultados electorais do 27 de setembro".

Parlamento de Cataluña
Momento do pleno do Parlamento catalán

A este respecto, os maxistrados do TC advirten de que tras a remisión dos devanditos informes avaliaríanse as consecuencias legais de incumprir a citada sentenza, segundo está previsto no artigo 92.4 da Lei Orgánica do Tribunal Constitucional.

Nel precísase que en caso de incumprimento dunha resolución do Tribunal Constitucional, este poderá impoñer aos infractores unha multa de 3.000 a 30.000 euros, suspendelos nas súas funcións e mesmo esixirlles "a responsabilidade penal que puidese corresponder".

 

Achéganse acordo plenario do TC e resolución do Parlamento de Cataluña

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top