Xoves, 17 Novembro 2016 01:24

O CXPX propón á Carreira Xudicial a adopción dun documento de principios éticos

Escrito por DXustiza
Valora este artigo
(1 Voto)

O Consello Xeral do Poder Xudicial publicou no seu Portal de Transparencia, para o coñecemento de toda a Carreira Xudicial, un documento de principios de ética xudicial que aspira a recoller os valores e regras de conduta compartidos pola xudicatura española, servir de pauta de comportamento no desempeño da xurisdición e fortalecer a confianza da cidadanía na Xustiza. 

O texto foi elaborado polo grupo de traballo de Ética Xudicial, do que formaron parte os vogais do órgano de goberno dos xuíces Roser Bach, Nuria Díaz e Fernando Grande-Marlaska, representantes das asociacións xudiciais -Asociación Profesional da Maxistratura, Asociación de Xuíces Francisco de Vitoria, Xuíces para a Democracia e Foro Xudicial Independente-, xuíces e maxistrados non asociados e expertos na materia como o maxistrado do Tribunal Constitucional Juan Antonio Xiol, a catedrática de Ética Adela Cortina e o de Socioloxía José Juan Toharia. 

Para a redacción do documento tomáronse en consideración os Principios de Bangalore, aprobados en 2001 no marco de Nacións Unidas, o Ditame do Consello Consultivo dos Xuíces Europeos do Consello de Europa sobre a ética e a responsabilidade dos xuíces, o Código Modelo Iberoamericano de ética xudicial, adoptado polo Cume Xudicial Iberoamericano, ao que se adheriu o CXPX o pasado mes de febreiro, e a Declaración de Londres sobre a deontología dos xuíces, promovida pola Rede Europea de Consellos de Xustiza.

O texto abarca principios xerais como a independencia, que delimita un espazo para a decisión xudicial exento de influencias indebidas; a imparcialidade, que resalta o papel do xuíz ou xuíza como terceiro alleo aos intereses en xogo; e a integridade, que esixe a quen exerce a xurisdición coherencia cos anteriores principios e co de respecto á dignidade humana, mesmo na súa vida social, en todas aquelas circunstancias en que poida estar en cuestión a confianza pública na xustiza. 

Tamén se recollen nel modelos de comportamento relativos á xustiza como prestación dun servizo, tales como a cortesía, a dilixencia e a transparencia. 

O documento prevé ademais a creación dunha Comisión de Ética Xudicial cuxa misión será emitir ditames por escrito sobre as consultas que lle fagan as Salas de Goberno dos Tribunais, as Xuntas de Xuíces, as asociacións xudiciais ou calquera xuíz ou maxistrado en servizo activo. Tamén promoverá a difusión e o coñecemento dos principios e proposicións de ética xudicial.

A comisión estará integrada por sete membros: seis integrantes da Carreira Xudicial -dous coa categoría de xuíz, dous coa de maxistrado e dous maxistrados do Tribunal Supremo- elixidos mediante voto persoal, igual, directo e segredo por todos os integrantes da xudicatura en servizo activo; e unha persoa de recoñecido prestixio e acreditada traxectoria no mundo académico da Ética, a Filosofía do Dereito ou a Filosofía Moral. 

Os principios de ética xudicial non son unha norma xurídica nin teñen carácter disciplinario, senón que supoñen a expresión de pautas de comportamento, polo que haberán de ser obxecto de asunción individual e voluntaria por cada xuíz no desempeño das súas funcións.

Tamén o Consello Xeral do Poder Xudicial, mediante un acordo do Pleno, procederá á asunción dos devanditos principios unha vez coñecida a valoración que a Carreira Xudicial faga do documento provisional. As asociacións xudiciais, a través da Coordinadora Interasociativa Permanente, e os Tribunais Superiores de Xustiza teñen un mes desde hoxe para pronunciarse sobre o texto no seu conxunto, tras o que se reunirá o grupo de traballo.

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top