Imprimir esta páxina
Venres, 25 Novembro 2016 02:44

O Supremo insta a estudiar caso por caso a redución de pena en delitos de terrorismo considerados de "menor gravidade"

Valora este artigo
(1 Voto)

Non é aplicable de forma automática "polo mero feito de que a organización en que se integra o acusado non utilice armas ou explosivos nin realice atentados"

A Sala do Penal do Tribunal Supremo, reunida en Pleno non xurisdicional, aprobou hoxe un acordo que dispón que a atenuación para delitos de terrorismo introducida na reforma legal de 2015 para casos "de menor gravidade" non é aplicable de forma automática "polo mero feito de que o sector da organización en que se integra o acusado non utilice armas ou explosivos nin realice atentados terroristas", senón que é necesaria unha avaliación caso por caso por parte dos xuíces e tribunais.

Segundo o criterio do pleno, para aplicar esta atenuación "poderá tomarse en consideración" o dato de se o sector da organización terrorista á que pertence o acusado ou condenado é precisamente aquela que executa o atentado ou este é cometido "por unha das organizacións dependentes que se integran no armazón da organización armada para cooperar cos seus fins".

Neste último caso haberá de valorarse tanto a actividade que realiza o acusado ou condenado dentro da organización ou sector no que se integra, como a relevancia das funcións ou misións que desenvolve este sector dentro do armazón terrorista.

O criterio acordado polo Pleno da Sala refírese ao novo parágrafo 4º do artigo 579 bis do Código Penal, introducido na reforma da Lei Orgánica 2/2015, dentro do capítulo VII que se refire ás organizacións e grupos terroristas e aos delitos de terrorismo.

Ese parágrafo sinala que "os xuíces e tribunais, motivadamente, atendendo ás circunstancias concretas, poderán impoñer tamén a pena inferior nun ou dous graos á sinalada neste Capítulo para o delito de que se trate, cando o feito sexa obxectivamente de menor gravidade, atendidos o medio empregado ou o resultado producido".

O acordo, adoptado sen votos en contra aínda que coa abstención de dous maxistrados, lembra que o novo parágrafo do artigo 579 bis do Código penal "constitúe unha norma penal máis favorable aplicable tanto aos feitos axuizados tras a súa entrada en vigor, como aos xa sentenciados, ben pola vía da casación ou ben mediante a revisión de sentenzas cando as condenas sexan firmes, e estean a se executar".