Venres, 02 Decembro 2016 12:45

Rexistrada no Congreso unha iniciativa lexislativa popular para completar a lei de memoria histórica de 2007

Valora este artigo
(1 Voto)

Inclúe a exhumación en solo público e privado e o acceso a arquivos militares e parroquiais, entre outras medidas

Tal como xa anunciaran os seus promotores o pasado mes de xullo, nada máis comezar esta nova lexislatura rexistrouse no Congreso dos Deputados unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que, co titulo O último paso, pretende reformar a actual Lei de Memoria Histórica, que o ano que vén cumprirá dez anos desde a súa aprobación.

Esta primeira ILP da lexislatura, que require o apoio de 500.000 asinantes para que sexa admitida a trámite pola Cámara baixa, inclúe nos seus 23 artigos unha serie de medidas de reforzo da lei ata agora vixente, como a regulación das exhumacións de restos en solo público e privado e do persoal a pé de fosa.

Así mesmo, reclámase o pleno acceso a arquivos militares e parroquiais, e que os procedementos de localización, exhumación e identificación de restos se pidan instar por familiares de ata cuarto grao, fronte ao segundo grao da lei en vigor.

Proponse tamén a retirada de simboloxía de exaltación en concellos, arcebispados, bispados e cemiterios, e inclúese a imposición de sancións pecuniarias ou de suspensión de dereitos ás administracións que incumpran este precepto, un aspecto do que carece a actual lexislación nesta materia.

A ILP inclúe unha mención especial sobre as persecucións homófobas contra gais, lesbianas e transexuais e ás mulleres vítimas de violencia machista, como as paseadas e rapadas.

Outra das propostas que salientan os seus promotores, é institucionalizar como Día de Recordo o 31 de outubro, data en que se aprobou a Constitución Española, para render homenaxe a todas as vítimas do golpe militar e a ditadura.

"Pechar unha ferida"

A comisión promotora da Iniciativa Popular, que encabeza o avogado Eduardo Ranz, afirma que con ela preténdese "pechar unha ferida" que continúa aberta despois de 80 anos, de modo que as familias das vítimas "poidan exercer o dereito de enterrar aos seus seres queridos".

Os promotores anunciaron que en canto o Congreso e a Xunta Electoral Central, autoricen a recollida de firmas, darán a coñecer publicamente a páxina web creada para o efecto e os actos de difusión previstos no maior número posible de localidades para conseguir o medio millón de rúbricas no prazo legal de 9 meses de que dispoñen.

Aínda que a regulación da Iniciativa Popular non permite incluír materias que se regulen por Lei Orgánica, a comisión entende que, ademais do novo texto normativo, é necesaria a regulación do delito de desaparición forzada como delito autónomo e imprescriptible, a responsabilidade penal dos autores ou a elaboración dun programa educativo, así como o mandato ao lexislador de incluír a partida Memoria histórica nos orzamentos xerais do Estado a través de subvencións finalistas.

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top