Imprimir esta páxina
Mércores, 28 Decembro 2016 07:47

O Tribunal Constitucional ratifica someter a un exame previo aos discapacitados psíquicos que queiran votar

Valora este artigo
(1 Voto)

Desestima o recurso dunha moza compostelá que foi incapacitada xudicialmente hai dous anos

As persoas con discapacidade psíquica que queiran exercer o seu dereito a voto tras ser incapacitados xudicialmente terán que someterse a un exame que avalíe a súa comprensión deste acto cidadán. 

Así o acaba de ratificar o Tribunal Constitucional nunha sentenza na que rexeita o recurso de amparo presentado polos pais de Mara, unha mroza compostelá de 19 anos que hai dous anos foi incapacitada para o sufraxio activo por un xulgado. Uns meses despois, a Audiencia da Coruña ratificou esa resolución, e o pasado mes de marzo a Sala do Civil do Tribunal Supremo volveulle a negar ese dereito.

A sentenza do Constitucional aprobouse co voto discrepante da súa propia vicepresidenta e en contra do criterio da Fiscalía, que consideran vulnerada a Convención Internacional de Nova York sobre Dereito das persoas con discapacidade, asinada por España en 2008.

Segundo informou DXustiza o pasado mes de xuño, o fiscal de Sala do Civil do Tribunal Supremo, José María Paz Rubio, elaborou un informe no que solicitaba a nulidade das actuacións que lle arrebataron á moza o seu dereito a voto, e consideraba "moi importante e meritorio que unha persoa coa súa capacidade xudicialmente modificada, estea loitando polo seu dereito fundamental ao voto, e por iso o Ministerio Fiscal debe amparala”.

Para o fiscal,  “a privación do dereito de voto a esa persoa non se pode dicir que protexe o maior interese dela mesma”, como esixe a Convención. 

Na sentenza que a incapacitou para o sufraxio alegaba o xuíz que o “nivel de competencia curricular” da moza “é de primeiro ciclo de educación primaria (de 6 a 8 anos)”, ao que engadía “o seu descoñecemento casi total do valor do diñeiro ou de conceptos legais básicos e a súa carencia casi total de coñecementos políticos”. 

Pola súa banda, o Tribunal Supremo (TS) sinalou que se trata dunha medida “dirixida a protexer os intereses do incapaz e o propio interese xeral de que a participación electoral se realice de forma libre e cun nivel de coñecemento mínimo respecto do dereito a votar e da decisión adoptada” co sufraxio. 

Fronte a ese criterio, e seguindo os preceptos da Convención de Nova York, o fiscal argüía que a interpretación do TS “é contraria aos principios de igualdade e non discriminación”, posto que ese “exame de capacidade” non se lles aplica a todos os electores, senón que “só se realiza sobre un conxunto da poboación definido e que se identifica no seo dun proceso xudicial” que debe procurar “a mellor garantía dos seus dereitos”.

Para o fiscal, esa garantía “nunca pode pasar pola súa negación, de forma tal que non pode protexerse vulnerando, como se veu facendo ata agora”.

100.000 incapacitados para votar

Segundo datos da Xunta Electoral Central con ocasión das eleccións xerais de 2011, nese momento figuraban como incapacitados para o sufraxio activo 79.398 cidadáns (42.475 mulleres e 36.923 homes), que por franxas de idade distribuíanse do seguinte modo: 10.119 de entre 18 a 30 anos, 38.329 de 31 a 64 anos e 30.950 de 65 a 109 anos. E a nómina ronda agora as 100.000 persoas.

“Toda persoa discapaz, na maioría dos supostos, debe ter posibilidade de votar, calquera que sexa a deterioración da súa capacidade cognitiva, sempre que quede alguna, e iso tamén vai implícito no respecto á dignidade da persoa recoñecido no artigo 10 da Constitución Española”, concluía o fiscal.