Mércores, 18 Xaneiro 2017 03:08

O Supremo determina que as investigacións da Fiscalía non teñen carácter de proba e deben garantir a asistencia de avogado

Escrito por DXustiza
Valora este artigo
(1 Voto)

Esixe respectar os límites constitucionais e tacha de "extravagancia lexislativa" que coexistan as dilixencias preparatorias sucesivas do fiscal e o xuíz instrutor

A Sala II do Tribunal Supremo establece que as dilixencias de investigación que realiza a Fiscalía non son susceptibles de xerar actos de proba, pero engade que esa limitación non pode ser utilizada como escusa para privar de asistencia letrada á persoa obxecto desa investigación previa nin diluír a vixencia dos principios de contradición e proporcionalidade.

Nunha sentenza, da que foi relator o presidente da Sala, Manuel Marchena, rexéitase o recurso da Fiscalía contra a absolución ditada pola Audiencia Provincial de Barcelona dun policía local de Premià de Mar que estaba acusado de delito continuado de falsidade en documento público, en relación a catro multas de tráfico a dous cidadáns por conducir sen cinto de seguridade e usar o móbil conducindo.

O fallo dá a razón á Audiencia Provincial, que rexeitou o valor probatorio das dilixencias preliminares practicadas polo fiscal xefe da área de Mataró. "A ausencia de letrado durante o desenvolvemento de todas e cada unha desas dilixencias -singularmente, as de carácter persoal- e, sobre todo, a súa natureza allea ao xenuíno concepto de acto procesual, impiden ver nese ditame dos expertos unha fonte de proba susceptible de integrarse no material valorable polo órgano decisorio", salienta o Supremo.

A sentenza estuda o valor que debe darse ás dilixencias de investigación do fiscal que regulan o artigo 5 do Estatuto Orgánico do Ministerio Fiscal (EOFM) e o artigo 773.2 da Lei de Axuizamento Criminal (LACrim), e considera que "a limitación dos seus efectos está relacionada coa imposibilidade de alterar o valor desas dilixencias, que esgotan a súa funcionalidade cando serven de respaldo á decisión do Fiscal de arquivar a denuncia ou promover o exercicio das accións penais que estime pertinentes".

Segundo o Supremo, as dilixencias de investigación practicadas polo Ministerio Público "non poden aspirar a transmutar a súa natureza e converterse en actos de proba. Impídeo o concepto mesmo de acto procesual, intimamente ligado aos principios constitucionais que informan o exercicio da xenuína función xurisdicional", sinala a Sala.

Garantías constitucionais

Na súa interpretación xurídica, a limitación funcional da investigación fiscal "non pode ser utilizada como escusa para prescindir da asistencia letrada ou para diluír a vixencia dos principios de contradición e proporcionalidade".

"Por máis que a natureza desas dilixencias sexa puramente instrumental e por máis que se cingan a "preparar o preparatorio" -a decisión do Fiscal sobre o exercicio da acción penal "prepara" a actividade do Xuíz encamiñada a "preparar" o xuízo oral-, a investigación a un cidadán sospeitoso de cometer un delito só pode explicarse como expresión do poder do Estado e, como tal, ha de axustarse aos límites definidos polo noso sistema constitucional", precisa. 

A sentenza analiza se as garantías constitucionais para o investigado penal han de modularse, admitindo incluso a súa relaxación, en función do modelo de investigación no que se desenvolva a práctica daquelas dilixencias, e conclúe que nin a LACrim nin o Estatuto Orgánico nin as circulares e instrucións ditadas para lograr a uniformidade na actuación dos Fiscais, "avalan esa convencional e interesada división entre as garantías do preinvestigado cando comparece ante o Fiscal e as garantías do investigado cando é chamado ante a autoridade xudicial".

"A Sala -engade- non pode identificarse co criterio que latexa no recurso do Ministerio Público, segundo o cal, cando a investigación se dirixe polo Fiscal as garantías constitucionais se difuminan e deveñen renunciables".

Extravagancia lexislativa

O Supremo pon así mesmo de manifesto as peculiaridades do sistema procesual penal español, ao cualificar como "extravagancia lexislativa" a posibilidade de que o cidadán ao que se lle imputa un delito sexa sometido a unha investigación inicial de natureza preparatoria anterior a unha segunda etapa, tamén de natureza preparatoria (arts. 299 e 771.1 LECrim). Cando "o preparatorio precede ao preparatorio", non resulta fácil atopar xustificada esa dobre secuencia sobre a que se constrúe a fase de investigación do feito imputado.

Con todo, para o Tribunal Supremo "está claro" que as dúbidas para explicar esa singularidade "non poden resolverse degradando funcionalmente o primeiro chanzo da actuación do Estado -iso é, non outra cousa, o que define a "prefase de investigación" desenvolvida polo Fiscal-, de xeito que o cidadán poida ser desposuído do irrenunciable cadro de garantías que lle asisten cando é chamado para responder dalgún feito de significación penal e que lle é indiciariamente atribuído".

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top