Venres, 03 Marzo 2017 08:50

O Concello de Meira cambia o nome franquista de dúas rúas logo de ser condenado por un xulgado do contencioso de Lugo

Valora este artigo
(2 votos)

As avenidas do Xeneralísimo e José Antonio, dúas vías principais do municipio, chámanse agora de Lugo e da Cerca

O Concello de Meira (Lugo) acordou en pleno o pasado día 13 cambiar a denominación franquista das avenidas do Xeneralísimo e José Antonio Primo de Rivera, que pasan a chamarse Avenida de Lugo e Avenida da Cerca, respectivamente.

A proposta da Alcaldía, que contou cos votos favorables dos cinco concelleiros do PSdeG-PSOE e o do BNG (promotor da moción) fronte a abstención dos tres do PP, aprobouse tras unha sentenza firme ditada o pasado mes de xaneiro polo Xulgado núm 1 do Contencioso-administrativo de Lugo, que condenaba ao Concello a elaborar un catálogo dos vestixios e símbolos da guerra civil e da dictadura franquista en aplicación da lei de Memoria Histórica.

O avogado madrileño Eduardo Ranz formulara unha petición ante Concello de Meira o 15 de xullo de 2016, solicitando a elaboración do catálogo de vestixios, logo de constatar que na Dirección Xeneral do Catastro constaban no viario do municipio a Avenida do Xeneralísimo a Avenida de José Antonio.

"Ante a falta de resposta -relata o letrado a DXustiza-, procedín a demandar ao Concello", que foi finalmente condenado a elaborar o catálogo no prazo dun mes. Ranz explica que a xurisprudencia sobre a aplicación da lei da Memoria Histórica "indica que primeiro debe publicarse o catálogo e logo procederse á redefinición da simboloxía de exaltación" do réxime franquista e a Guerra Civil. E se a corporación municipal "non cumpre co acordado, será xudicialmente executado", advirte.

O pasado día 23, o concello remitiu a Eduardo Ranz o acordo plenario no que se aprobou o cambio de denominación.

No debate municipal, o voceiro popular, o ex alcalde Ramiro Pérez Freijo, afirmou que o seu grupo non está en contra da lei de Memoria Histórica, pero recordou que nun polémico pleno celebrado en 2010, cando gobernaba o actual alcalde socialista, daquela nas filas de Terra Galega, xa se cambiara o nome desas rúas, adxudicando á do Xeneralísimo o nome de Hermanos Vallejo (piloto e copìloto de rallys, naturais de Meira) e á de José Antonio o do empresario vilalbés Emilio Fernández, pero finalmente non se levou a efecto o cambio.

O concelleiro do BNG, Felipe Nieto, replicoulle a Pérez Freijo que cando o PP gobernou o concello en solitario, entre 2011 e 2015, tampouco executou o acordo e mesmo se mantivo a denominación franquista cando se puxeron novas placas nestas avenidas.

Pola súa banda, a voceira do grupo de goberno que encabeza Antonio de Dios Álvarez, a socialista María de las Urdes Díaz, deu a coñecer os termos do acordo, que inclúe a notificación do novo de nome das vías aos organismos, administracións e empresas subministradoras interesadas, de xeito que poidan cambiar os domicilios postais dos veciños que residen nelas. Ao mesmo tempo, facilitaráselles ás persoas interesadas un modelo de impreso para comunicar ese cambio.

 

Achéganse sentenza e acordo plenario

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top