Xoves, 23 Febreiro 2017 10:15

O fiscal xeral José Manuel Maza impón un perfil conservador na súa proposta de nomeamento para altos cargos da Fiscalía

Valora este artigo
(3 votos)

A Unión Progresista de Fiscais entende que "tales decisións só poden explicarse desde un interese eminentemente político e ideolóxico"

Co apoio da Asociación de Fiscais (AF), maioritaria no Consello Fiscal, o fiscal xeral do Estado, José Manuel Maza, acaba de impoñer un perfil netamente conservador na reorganización da Fiscalía no conxunto do Estado, ao substituír no cargo, entre outros, ao fiscal xefe da Audiencia Nacional, Javier Zaragoza, e aos fiscais superiores de Murcia e o País Vasco, Manuel López Bernal e Juan Calparsoro, todo eles de adscrición progresista.

Para esas prazas, o Consello presidido por Maza propón a Jesús Alonso Cristóbal, ata o de agora tenente fiscal con Zaragoza e voceiro da Asociación de Fiscais, e a José Luis Díaz Manzaneda e Carmen Adán en Murcia e País Vasco, respectivamente.

Entre as propostas de nomeamento do Consello salienta tamén a de Manuel Moix como novo fiscal xefe Anticorrupción tras a renuncia do actual, Antonio Salinas. Moix é considerado para un sector da profesión como un fiscal cómodo para o goberno.

A decisión de Maza na reunión de onte no Consello Fiscal, abriu unha fenda coa Unión Progresista de Fiscais (UPF), que ao término da xuntanza fixo público un comunicado no que afirma que algúns dos nomeamentos e a non renovación nas súas prazas doutros fiscais, "casualmente na súa maioría asociados da UPF, supón un claro retroceso na pretendida autonomía do Ministerio Fiscal, pois tales decisións só poden explicarse desde un interese eminentemente político e ideolóxico".

"Tras a sorpresa polo nomeamento do novo fiscal Xeral -continúa a nota-, confiabamos en que o seu mandato, claramente orientado a liderar un cambio de modelo procesual, supuxera -dunha manera clara e rotunda- o afianzamento da autonomía do Ministerio Fiscal respecto ao Poder Executivo. Desgraciadamente, non parece que vaia ser así".

A UPF lamenta que "personalidades irreemplazables" como Javier Zaragoza, "cuxos esforzos, coñecementos e contactos en materia antiterrorista son en si mesmos un patrimonio da Fiscalía", sexa relevado "en momentos nos que entendemos imprescindible a súa contribución na loita contra o terrorismo internacional".

En canto a Calparsoro, aseguran os fiscais progresistas que a súa substitución "unicamente se pode explicar por motivos ideolóxicos", e engaden que esta decisión de Maza e a AF "parece un castigo aos anos de dedicación ao servizo do estado de Dereito e a democracia española nunha conxuntura tan complicada como foi a culminación do proceso de paz" no País Vasco.

Outra das "peaxes esixidas polo Ministro de Xustiza ao novo fiscal xeral do Estado", sostén a UPF, era un cambio na xefatura da Unidade de Apoio, logo dunha "manifesta confrontación co equipo ministerial debido á xestión do control dos prazos de instrución do artigo 324 da LACrim e, sobre todo, pola precipitada implantación e ás costas da Fiscalía e os fiscais das novas solucións tecnolóxicas de comunicación e xestión dixital". Deste xeito, para o cargo ocupado por José Luis Bueren cos últimos tres fiscais xerais, foi proposto Francisco Moreno Carrasco.

A UPF dálles a noraboa aos candidatos propostos e aclara que a súa crítica "non é un demérito para eles e elas , senón unha chamada de alerta para constatar que o modelo de Fiscalía ao que aspira a Unión Progresista de Fiscais é o de profesionais integrados nunha institución ao servizo dos cidadáns, sen débedas que pagar á clase política e cunha total e absoluta autonomía do Poder Executivo".

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top