Imprimir esta páxina
Luns, 13 Marzo 2017 23:10

O xuíz investiga ao ex director de seguridade de ADIF como presunto responsable de 80 homicidios no accidente do Alvia

Valora este artigo
(3 votos)

Cortabitarte terá que explicar o día 23 por que se exportou ao maquinista o risco de sinistro en vez de protexer aos usuarios "fronte ao posible fallo humano"

O titular do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago acordou citar como investigado a Andrés Cortabitarte, director de Seguridade na Circulación de ADIF no momento do accidente do tren Alvia en Santiago de Compostela, ocorrido o 24 de xullo de 2013. Para o maxistrado quedou evidenciado que a análise integral de risco, previa á posta en funcionamento da liña, era necesaria, e que a mesma, "sendo preceptiva, non se fixo", polo que considera a Cortabitarte "presunto responsable" de 80 delitos de homicidio e 144 de lesións por imprudencia grave, conforme ao número de mortos e feridos.

Deste xeito, o xuíz coloca ao ex director de seguridade na mesma situación penal ca ao propio maquinista, Francisco José Garzón Amo, considerado, ata que a Audiencia ordenou en maio pasado ao xulgado reabrir a investigación, o único autor material dos feitos.

Para o instrutor, "existen indicios suficientes para estimar que, polo menos por parte de ADIF, non se fixo todo o posible para mitigar o risco que finalmente desembocou no resultado producido". Lémbrase no auto que o "devandito risco foi convenientemente detectado e comunicado a ADIF por parte da UTE LAVOS e INECO, recoñecendo ambos a insuficiencia do subsistema fornecido (ASFA) para conxurar ou mitigar" o perigo existente.

Sostén así mesmo que ADIF non cumpriu co seu deber ao tolerar "a exportación do devandito risco ao maquinista sen efectuar unha previa valoración integral da liña que protexese aos usuarios fronte ao posible fallo humano".

Na resolución afírmase que "existen indicios suficientes para concluír que a Dirección de Seguridade na Circulación de ADIF, a quen en principio compete o labor de avaliar os riscos inherentes á circulación, non cumpriu co devandito labor, xerando e tolerando unha situación de risco que finalmente cristalizou no accidente que lle custou a vida e a saúde a múltiples usuarios".

O xuíz rexeita no auto as outras dilixencias de proba solicitadas polas partes, entre elas a declaración dos técnicos da UTE autores dos documentos que ADIF achegou días antes da última ratificación dos peritos.

Mandato da Audiencia

A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, acollera en maio do ano pasado varios recursos de apelación interpostos contra o auto que puxo fin á instrución do accidente ferroviario do Alvia coa incoación de procedemento abreviado, e ordénaralle ao xulgado que seguira investigando.

A Sala retrotraía así a causa á fase de dilixencias previas e mandaba que se practicase a ratificación e aclaración "de dous informes periciais, ademais das probas que se consideren necesarias, para determinar diversos aspectos. O primeiro deles era "se existiu e era normativa e tecnicamente necesaria unha avaliación integral do risco da liña 082 que tivese en conta a situación de perigo concretamente existente na curva onde se produciu o accidente".

A segunda cuestión sobre a que se ordenaba seguir a instrución era a corrección das avaliacións de risco realizadas en dous dos informes periciais e a determinación do nivel de risco resultante na curva e a súa aceptabilidade técnica. A terceira centrábase "na corrección da exportación de riscos ao maquinista ou Renfe nos termos en que foi efectuada".

Para a Sala, existían "indicios de que o método aplicado por Adif (Administrador de Infraestructuras Ferroviarias), tanto como pauta xeral como no caso investigado, presenta carencias que determinaron que non se apreciase o risco realmente existente e que se transferise ou exportase ao persoal de Renfe sen avalialo nin adoptar medidas para comprobar que o risco se mantiña en niveis tolerables".

Os maxistrados salientaban tamén que non se trataba exclusivamente "de que o modo en que se valorou e xestionou o risco para a autorización da liña non fose o axeitado, senón de que tal modo de valoración pode adquirir unha relevancia causal respecto do accidente ao haber indicios de que existía efectivamente un risco excesivo na curva, valorado conforme a pautas técnicas, e que en virtude destas debería ter sido paliado ata límites aceptables".