Imprimir esta páxina
Venres, 20 Mai 2016 02:04

Xuristas e psicólogos alertan sobre o risco de vitimización secundaria do menor no decurso do proceso xudicial

Valora este artigo
(0 votos)

Reclaman un esforzo educativo dos pais e da escola sobre o uso axeitado das redes sociais e para que os menores saiban distinguir o público do privado

Xuristas e psicólogos coincidiron en alertar sobre o risco de que os menores vítimas de certos delitos, sobre todo de índole sexual ou maltrato, sufran unha vitimización secundaria ou revitimización no decurso do proceso xudicial penal. Esa foi unha das mensaxes recorrentes na primeira mesa de debate do Congreso Internacional sobre Necesidades e Dereitos da Infancia, organizado pola asociación de xornalistas P Estudio e inaugurado onte no paraninfo da Universidade da Coruña pola valedora do Pobo, Milagros Otero.

Na abordaxe do sistema xurídico do menor, a profesora de Dereito Penal e Criminoloxía da Universidade de Santiago Natalia Pérez Rivas significou que a vitimización secundaria, derívase do trato que recibe por parte das institucións. "Ás veces protéxense máis os dereitos do agresor que os da vítima", sinalou, para engadir que na aprobación en 2015 do Estatuto da Vítima "o lexislador perdeu a posibilidade de adoptar medidas como a proba anticipada en delitos como os de índole sexual, para que o menor non teña que repetir unha e outra vez a súa declaración nin intervir no acto de xuízo para corroborala, rememorando feitos sufridos que poderían causarlle un maior dano psíquico e moral".

Vista da primeira mesa de debate no Congreso
O Congreso celébrase no paraninfo da UDC    P Estudio

A avogada e directora da Escola de Práctica Xurídica de A Coruña, Digna Braña, referiuse especialmente á violencia contra o muller, sobre a que imparte docencia no máster de Avogacía. A este respecto, fixo fincapé no aumento dos casos de violencia machista en menores, que máis aló do caso extremo da agresión física, exércese de xeito máis frecuente en actitudes de control do mozo sobre a súa noiva: uso de redes sociais, forma de vestir ou de maquillarse e horarios de lecer, entre outros.

"É un problema que adquiriu xa unha gravidade relevante", cun aumento constante dos casos xudicializados nos últimos anos (de 114 en 2012 a 162 en 2015) e cunhas taxas de culpabilidade dos menores axuizados do 90%. Porén, advertiu de que á Fiscalía e aos xulgados "só chegan os casos máis graves", e non as condutas de control que son admitidas como algo "natural e mesmo satisfactorio ata polas propias vítimas", que ven nestes comportamentos, así coma nos ciumes, unha proba de amor por parte da parella.

Braña aludiu tamén ao avance lexislativo que supuxo a inclusión dos menores como vítimas directas de violencia exercida sobre as súas nais polo pai ou parella, avogou por proporcionarlle ás mulleres vítimas de violencia machista e tamén aos menores delas dependentes asistencia letrada xa desde a súa primeira declaración en sede policial, defendeu "o dereito do menor a ser oído" e referiuse aos problemas que xorden á hora de establecer os réximes de visita dos pais maltratadores. "Uno non pode maltratar a súa parella e ser un bo pai", concluíu.

Tanto ela como Natalia Pérez, demandaron dotación económica para aplicar a nova lexislación en materia de vítimas e máis formación para as persoas que integran o sistema de protección psicosocial.

Para a psicóloga clínica Vanessa Vilas "o propio proceso xudicial agrava o cadro clínico da vítima, con respostas de toda índole como ansiedade, depresión ou tensión postraumática. Non caso dos menores, "tampouco se lle explica á vítima en que consiste o procedemento xudicial de forma que poida entendelo e asumilo, e levámolos dun lugar a outro case coma se foran obxectos".

Uso crecente das redes sociais

O avogado Santiago Míguez, experto en dereito do menor, referiuse aos delitos de odio como especialmente conectados ás redes sociais, polas que se transmiten con crecente frecuencia. No último ano, lembrou, rexistráronse 60 en toda España cometidos por menores, con 158 vítimas, pero resaltou que se estima que só chegan a denunciarse o 30% dos que se producen.

Mesa de debate sobre o sistema xurídico do menor
A mesa xurídica debateu sobre a vitima e as redes sociais    P Estudio

Tamén Natalia Pérez abundou neste aspecto, xa que as redes sociais intensifican comportamentos como o bullying, "que se antes se restrinxían ao colexio, agora proseguen ao través de whatsapp ou facebook, co que pasou de ser cousa dun grupo reducido de compañeiros a incluír a calquera persoa de calquera lugar" entre os potenciais acosadores.

Engadiu que non ámbito educativo as TIC "son aínda unha novidade e déixanse un pouco á marxe, cando deberían implementarse materias sobre o bo uso das redes sociais". Sinalou que estas pódense converter "nunha verdedeira arma en mans dun menor, que non é consciente de que xa non está escribindo unha mensaxe a un compañeiro, senón que ten unha difusión pública. Teñen que aprender a distinguir o público do privado, e entender que nas redes sociais todo é público".

Pola súa banda, o inspector xefe da UDEF na Coruña, Santiago Reboiras, chamou aos adultos a comprender que os menores son "nativos dixitais. Eles están conectados; nós, non", precisou. Fronte ao impacto das redes instou aos pais a participar estreitamente na educación dos seus fillos e a "recuperar a rúa". "O que non queremos que fagan na rúa, que non o fagan tampouco na Rede" que, por outra banda, advertiu, "é un caldo de cultivo de pederastas e pedófilos, porque na internet ninguén é o que di ser".

A primeira xornada do Congreso, que acolleu tamén mesas de debate sobre sanidade, educación, familia e sistema comunitario e atención social referidos ao menor. Hoxe, na segunda e última xornada, repasaranse os sistemas de protección, de reparación e de apoio profesional e mediático, e rematará cunha mesa de debate entre menores que aporte conclusións á proposta ética do congreso: cómo crecer valentes, confiados e confiables.