Venres, 20 Mai 2016 17:45

A Fiscalía Xeral desautoriza a Catalá e mantén a imposibilidade de revisar todas as causas antes do 6 de xuño

Valora este artigo
(2 votos)

A FGE reunirase o martes para analizar de novo a situación e elevar un informe sobre o grao de cumprimento do artigo 324 da LeCrim

"Sigue vixente, en todos os puntos, o comunicado do Consello Fiscal". Así de contundente é a resposta dada hoxe pola Fiscalía Xeral do Estado (FGE) ao optimista anuncio do ministro de Xustiza en funcións, Rafael Catalá, de que se revisarán en prazo os milleiros de causas penais que teñen que estar rematadas o 6 de xuño. Unha desautorización ás palabras do ministro que xa adiantara onte a DXustiza a Unión Progresista de Fiscais, que manifestara o seu "estupor" polo anuncio feito tras reunirse coa fiscal xeral do Estado, Consuelo Madrigal, de que a tramitación chega nestes momentos ao 80% de media e xa rematou en varias provincias españolas.

A propia Madrigal declinou onte comparecer canda Catalá diante dos medios de comunicación para explicar o contido da reunión e os acordos acadados nela, unha notable ausencia que non pasou desapercibida para os xornalistas presentes no encontro e que facía presaxiar o desacordo entre os dous.

Foto de arquivo dunha reunión do Consello Fiscal presidida pola fiscal xeral do Estado, Consuelo Madrigal
Reunión do Consello Fiscal                        FGE

En todo caso, a FGE aprazará a súa postura definitiva ata a reunión do martes que vén, a segunda desde o pasado día 16, en que o Consello aprobou por unanimidade un documento no que declaraba a imposibilidade de cumprir cos prazos sinalados pola Lei de Axuizamento Criminal. Nesta nova xuntanza elaborarase un informe completo sobre o labor realizado nestes case seis meses e sobre o que faltaría por concluír.

A LeCrim, que entrou en vigor o pasado 6 de  decembro, limita o prazo de instrución a seis meses para as causas sinxelas. Este prazo é prorrogable, no caso de causas complexas, por outros 18 meses. Pero esa prórroga tena que solicitar o fiscal tras revisar cada un dos centos de miles de procedementos pendentes en toda España. E este é outro dos puntos de discrepancia co ministro: él fala de 346.000 causas en toda España, segundo a listaxe dos letrados da administración de Xustiza; os fiscais calculan non menos de 580.000, seguindo as estatísticas de asuntos pendentes do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Tamén discrepan no que se refire á axuda prestada aos fiscais polo corpo de letrados, que Catalá cualificou de "magnífica" e os representantes do Ministerio público de "nula". E tampouco están de acordo coa porcentaxe de cumprimento do proceso revisorio.

Causas pechadas e modelo de Xustiza

A controversia entre o Goberno e a Fiscalía ten un dobre alcance. Por unha banda está a cuestión da revisión en prazo dos procedementos pendentes, un asunto de suma importancia se se ten en conta que, de pecharse antes de tempo a instrución dun asunto complexo, podería faltar material probatorio suficiente para defendelo con garantías en xuízo, ou mesmo provocar o arquivo do procedemento.

Por outra banda, debátese un modelo de xustiza no que os fiscais reclaman desde hai anos que se lles outorgue a investigación dos asuntos, acabando co modelo decimonónico do xuíz de instrución e deixando para os xuíces o labor de xulgar e facer executar o xulgado. O propio Consello Fiscal afirmou o luns pasado que o problema actual xorde "pola falta de atribución definitiva da investigación dos delitos" ao Ministerio Público.

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top