O Parlamento de Galicia aprobou en comisión a proposición non de lei presentada por En Marea, tras chegar a unha transacción co Partido Popular, para instar á Xunta de Galicia a desenvolver as xestións oportunas perante o Ministerio de Xustiza "para lograr a cesión dos códigos fonte do sistema de xestión procesual que permitan, se é tecnicamente posible, xerar unha versión da aplicación en galego, que permita tramitar integramente nesta lingua os procedementos xudiciais".
A iniciativa engade que a Xunta deberá de demandar do Ministerio de Xustiza que "de futuro, as solucións tecnolóxicas que se están a desenvolver no eido da xustiza dixital e susceptibles de transferencia tecnolóxica, contemplen solucións multilinguaxes que garantan un expediente xudicial e fiscal electrónico respectuoso con dereitos lingüísticos da cidadanía e da plena vixencia da cooficialidade lingüística".
O voceiro de En Marea, Luís Villares, salientou na súa intervención os atrancos que tiñan os profesionais da maxistratura para desenrolar a súa labor empregando a lingua galega xa que o programa informático que se emprega actualmente na administración de Xustiza non permite xerar documentos en galego o que obriga a traducir todos os documentos. Tampouco permite facer unha guía e seguimento do procedemento con toda a documentación en galego.
A posta en práctica da iniciativa aprobada por unanimidade no Parlamento lograría facilitar a labor de todos aqueles profesionais que desexen empregar a lingua galega en todo o proceso xudicial.
A iniciativa persegue garantir a igualdade e a oficialidade lingüística do galego na administración de Xustiza, dotando ao seu funcionariado dunha aplicación informática que permita tramitar con normalidade en lingua galega.