Mércores, 14 Xuño 2017 20:57

O Supremo considera compatible condenar unha persoa por conducir ebria e por negarse á proba de alcoholemia

Escrito por DXustiza
Valora este artigo
(1 Voto)

A sentenza sostén que ao permitir un dobre castigo protéxense "cunha maior eficacia" a seguridade viaria e o principio de autoridade 

O Pleno da Sala II do Tribunal Supremo establece que é compatible a condena simultánea por delito de condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas e por delito de negativa a someterse á práctica da proba de alcoholemia a requirimento de axente da autoridade, ao considerar que non vulnera o principio de proporcionalidade nin o principio non bis in ídem, que impide castigar dúas veces a unha persoa por un mesmo feito.

A Sala subliña que o lexislador considerou a punición acumulada de ambos os tipos penais como necesaria "para reforzar cunha maior eficacia a tutela penal dos importantes bens xurídicos persoais que están detrás dos riscos da circulación viaria, segundo se acredita mediante as cifras negras que reiteradamente publica a Dirección Xeral de Tráfico".

O alto tribunal, en sentenza da que foi relator o maxistrado Alberto Jorge Barreiro, desestima o recurso dun condutor que se negou a pasar a proba de alcoholemia tras ser requirido para iso por unha patrulla policial nunha rúa de Esplugues de Llobregat (Barcelona), á unha da mañá do 22 de abril de 2016. Os axentes observaran que o home cruzara o coche na calzada, impedindo circular ao resto de vehículos, e despois seguira circulando de forma irregular, dando marcha atrás e marcha diante, á vez que discutía coa súa muller e forcexaba co seu fillo menor de idade, que ía no asento traseiro do coche.

Tanto o Xulgado do Penal número 25 de Barcelona como a Audiencia Provincial consideraron probado que o home tiña síntomas evidentes de acharse baixo a influencia do alcohol, tales como comportamento agresivo, insultante, irrespectuoso, eufórico, excitado, con fala pastosa, incoherente e repetitiva, falsa apreciación das distancias e movemento oscilante da verticalidade.

Por iso foi condenado a 1.440 euros de multa por un delito contra a seguridade do tráfico ao conducir baixo a influencia das bebidas alcohólicas (artigo 379.2 do Código penal), e a 6 meses de prisión polo delito de desobediencia, xa que se negou a pasar a proba de alcoholemia (artigo 383), neste último caso coa atenuante de embriaguez.

O condenado recorreu en casación ao Supremo, entre outros motivos, por considerar que unha condena conxunta polos delitos comprendidos nos artigos 379.2 e 383 conculca o principio non bis in ídem, por condenar simultaneamente polo delito de conducir baixo a influencia do alcohol e polo de non someterse ás probas para comprobalo.

Seguridade viaria e autoridade

O Supremo rexeita o argumento e explica que neste caso non se castigou o mesmo feito. Así, no delito do artigo 379.2 do Código Penal que castiga a condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas o ben tutelado é a seguridade viaria, en tanto que na conduta prevista no artigo 383 pola negativa para pasar a proba de alcoholemia o ben xurídico directamente protexido é o principio de autoridade.

No caso que se xulga, o Supremo non ten dúbida algunha de que, dado o estado en que conducía o vehículo de motor o acusado por unha vía pública, cuxos síntomas e manobras se describen no relato de feitos probados, resulta incuestionable que se dan todos os elementos do tipo penal de conducir baixo os efectos do alcohol.

A Sala subliña que a función do artigo de negativa a pasar a proba de alcoholemia aínda alcanza un maior realce tras a reforma legal de 2007 do tipo de condución etílica, que se cumprimenta polo mero acto de conducir un vehículo de motor despois de inxerir bebidas alcohólicas por riba de certas taxas legais.

"A partir desa reforma resulta imprescindible a práctica da pericia de alcoholemia para constatar o elemento típico nuclear consistente na taxa de alcoholemia. De modo que no caso de que non operase o tipo penal do artigo 383 a eficacia preventiva do novo suposto aínda quedaría máis debilitada que nos casos previstos no primeiro inciso do artigo 379.2 (condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas sen necesidade de que conste a taxa de alcoholemia)", precisa a Sala.

Ademais, para os maxistrados, "tampouco pode cuestionarse que o procurar que a autoridade e os seus axentes exerzan as funcións que lles encomenda a sociedade nunhas condicións de lexítima eficacia, prohibíndose aquelas condutas que as dificulten ou obstaculicen, constitúe un ben xurídico tutelable pola norma penal".

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top