Luns, 16 Outubro 2017 03:17

Entre tramas improbables, tempo adverso e falta de motivación

Escrito por E. de Ron
Valora este artigo
(1 Voto)

Catro mortos, unha vintena de feridos e deceas de vivendas calcinadas en Ourense e Pontevedra son parte do tráxico balance do lume que arrasa Galicia

Galicia foi azoutada onte por unha das vagas de lume máis violentas dos últimos anos. Os incendios forestais, que levaban días arrasando amplas zonas boscosas da Comunidade, culminaron nun domingo negro co tráxico balance de catro mortos (dous en Nigrán e un en Vigo, Pontevedra, e outro máis en Carballeda de Avia, Ourense), unha vintena de feridos e deceas de vivendas calcinadas.

E a desgraza volveu poñer sobre a mesa dos responsables políticos e da sociedade en xeral a reflexión sobre as causas deste desastre repetido: desde as tramas improbables ao tempo adverso ou a falta de motivación dos incendiarios.

As tramas organizadas, con fins económicos ou ideolóxicos, volven de xeito recorrente ao imaxinario popular da man dos propios responsables políticos. Pero abonda con contemplar o mapa do acontecido nos últimos días, rexistrado pola rede europea Copernicus, para concluir que se trata dunha onda que azouta o occidente peninsular desde o centro de Portugal (con outros 31 mortos polo de agora) ata Asturias.

A extensión e diversidade da zona afectada fai dificil imaxinar a acción coordinada dunha organización delictiva de tan diferentes motivacións económicas e de tan inverosímil, por dispar, signo ideolóxico.

Mentres o fiscal coordinador de Medio Ambiente de Galicia, Álvaro García Ortiz, chamou á prudencia en tanto se investigan as orixes, causas e autoría dos lumes, sempre difíciles de determinar, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, apresurouse hoxe mesmo a falar de "terrorismo incendiario" e a apuntar á intencionalidade dos incendios.

A expensas do que averigue a investigación policial, a intencionalidade dos incendios é ben coñecida e, con lixeiras variacións segundo a tempada de que se trate, sitúase entre un 60% e un 70% dos lumes rexistrados, consonte os balances anuais da propia Fiscalía. Pero que se quere dicir con "terrorismo incendiario"? Existe unha organización terrorista responsable dos lumes? Trátase de terroristas individuais semellantes aos lobos solitarios do islamismo yihadista? Como é posible que en 11 anos de pescudas policiais e xudiciais non se detectara nin detivera ningún destes supostos terroristas?

Rotundo non ás tramas

Fronte ás dúbidas, porén, érguense algunhas certezas. Durante a catastrófica vaga de incendios de 2006, a Xunta gobernada por socialistas e nacionalistas denunciou ante a sociedade a existencia de posibles tramas incendiarias con intencionalidade política. A Fiscalía galega abriu daquela, por primeira vez, unha detallada investigación -Dilixencias de Investigación (nº 58/2006)- coa idea de afondar nos aspectos criminais do ocorrido. A Gardia Civil, coa colaboración da Policía Autonómica, constituiu un equipo de traballo para recopilar e analizar todos os datos daqueles días, que deron como resultado un extenso Informe sobre investigación de incendios forestais en Galicia. Verán 2006.

Carlos Varela, que naqueles anos ocupaba a xefatura da Fiscalía en Galicia, sinalou como primeira conclusión do informe un feito que rompía "coa convicción tradicional” de que a intencionalidade dos incendios forestais en Galicia rondaba o 87%, xa que as “evidencias físicas” rebaixaban esa proporción ao 60% por cento.

Pero, sobre todo, o fiscal deixou claro que, segundo as investigacións realizadas "non houbo tramas organizadas", e pediu que esas "conclusións rotundas sexan aceptadas pola sociedade en xeral e polos seus responsables políticos". Na súa opinión, só un acordo no diagnóstico común sobre as causas do lume permitiría loitar con máis eficacia contra os incendios.

Aínda que a ausencia de investigacións en anos anteriores non permitía descartar unha acción criminal organizada nalgún caso, Varela consideraba moi rechamante o feito de que en tantos anos de incendios nunca se conseguira descabezar ningunha trama semellante.

O informe desmentía tamén que detrás dos incendios houbese con frecuencia intereses económicos ou intentos de especulación urbanística, xa que foran mínimos os casos detectados e non era posible relacionalos con vagas xeneralizadas de incendios.

Informes anuais

Desde aquel documento, a Fiscalía de Medio Ambiente, co auxilio da Unidade Técnica da Garda Civil, e mediante reunións periódicas cos responsables policiais antes e despois de cada tempada de verán, presentou informes anuais sobre os incendios, causas, motivacións e autoría, e en todos se confirman as principais conclusións do primeiro informe.

"Non se detectaron na autoría indicio algún de ningún tipo de delincuencia organizada. Non se detectou intencionalidade de afectar a vías de comunicación ou infraestruturas. Non se detectaron intereses económicos detrás dos lumes, mais que de maneira illada algunha motivación poida ter unha certa transcendencia económica", rezaba un dos informes anuais, neste caso o de 2011. E insistía nunha especie de chamamento público: "desde logo vólvese constatar que os tres elementos que poboan o imaxinario da causa dos incendios, a madeira, o urbanismo, e a economía do lume, non se detectaron na comisión dos delitos".

Desde hai anos, investígase tamén a posible relación entre a contratación das brigadas antiincendios e o aumento do número de lumes, pero a investigación policial conclúe que "salvo nalgún caso concreto" -como ocurreu recentemente coa detención dun brigadista en Ourense-, "non se pode relacionar de maneira directa e xenérica como un factor determinante". "Como ocorreu xa noutras ocasións, detéctanse de maneira particular, accións en tal sentido", concluía o citado informe anual.

Fronte ao fácil recurso das autoridades de buscar un inimigo invisible, o fiscal García Ortiz chamaba hoxe na Cadea Ser a "non especular" e non "alimentar os imaxinarios", e subliñaba que no momento actual das investigacións non se pode "aventurar" que a vaga de incendios sexa consecuencia dunha improbada -e para el improbable- "criminalidade organizada".

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top