Martes, 22 Mai 2018 13:11

O 50% dos xuíces e o 54% dos fiscais secundan a primeira folga conxunta en protesta pola situación de precariedade da Xustiza

Escrito por DXustiza
Valora este artigo
(1 Voto)

Tras varios meses de negociacións co goberno, os grupos parlamentarios e o Poder Xudicial, o balance "non pode ser máis decepcionante", aseguran

Cando aínda resoa o eco da recente folga do personal de Xustiza en Galicia, cuxas consecuencias e acordo definitivo están por pechar logo de tres meses longos de conflito, o 49,8% dos 5.407 xuíces e xuízas e o 53,8% dos 2.407 fiscais de todo o Estado secundaron hoxe a xornada de paro convocada por todas as asociacións para poñer de relevo os graves problemas que padece a Xustiza e denunciar a falta de solucións e compromisos para resolvelos por parte dos tres poderes do Estado.

En Galicia foron 166 os xuíces e maxistrados que comunicaron á presidencia do Tribunal Superior de Xustiza a súa decisión de secundar a xornada de paro, o 48,5% dos 342 en activo na Comunidade Autónoma.

A Fiscalía galega non facilitou datos do seguimento da folga, pero o fiscal radicado en Santiago Álvaro García Ortiz, membro de UPF no Consello Fiscal, non dubida en falar de "éxito" e en emprazar aos tres poderes do Estado a tomar boa nota das demandas dos convocantes.

En total, suspendéronse 146 actuacións xudiciais (xuízos ou declaracións), segundo os datos facilitados polos xulgados e tribunais ao presidente do TSXG. Destas suspensións, 135 producíronse en órganos unipersonais e 15 nas catro audiencias provinciais.

A incertidume sobre os datos mantívose durante toda a xornada, en parte polos atrancos impostos desde o Ministerio de Xustiza. Segundo denuncia o comité de folga nunha nota, as cifras "semi-oficiais" dos tribunais superiores baseáronse "en comunicacións directas dos membros da Carreira Xudicial, ao non dispoñer de datos facilitados polas secretarías de goberno e estas, á súa vez, dos letrados da Administración de Xustiza, debido a instrucións expresas de membros do Ministerio".

Así e todo, o alto seguimento da convocatoria, cualificada como "un éxito" polas asociacións convocantes, proba o malestar crecente entre todos os profesionais do sector, que se estende igualmente aos letrados das Administración de Xustiza e mesmo aos avogados e procuradores, directamente afectados por este clima de conflito. E, por suposto, aos cidadáns, principais prexudicados polos problemas que afectan á Xustiza.

As sete entidades corporativas de xuíces e fiscais -Asociación Profesional da Maxistratura, Xuíces e Xuízas pola Democracia, Francisco de Vitoria, Foro Xudicial Independente, Asociación de Fiscais, Unión Progresista de Fiscais e Asociación Independente de Fiscais- entenden que despois deste fito "histórico" que xuntou por vez primeira nunha mesma acción a xuíces, xuízas e fiscais, "o Ministerio de Xustiza e o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) deberían buscar solucións ás razoables peticións" dos dous colectivos profesionais.

14 claves para mellorar a Xustiza

As asociacións fixeron tamén público un comunicado no que resumen as súas reivindicacións, 14 puntos que van desde o reforzamento da independencia xudicial, á modernización da Administración de Xustiza dotándoa dunha maior calidade e eficacia e a mellora das condicións profesionais dos membros das Carreiras Xudicial e Fiscal.

Ademais, reclaman a derrogación do sistema de prazos máximos de instrución establecida pola nova Lei de Axuizamento Criminal mentres non se dote dos medios necesarios para aplicala axeitadamente; a atribución da formación dos fiscais á Fiscalía Xeral do Estado; e o reforzo da independencia e autonomía orzamentaria do Ministerio Fiscal.

Fronte a estas demandas, afirman que, logo de varios meses de negociacións co goberno, os grupos parlamentarios e o Consello Xeral do Poder Xudicial, o balance "non pode ser máis decepcionante. "Non hai sequera -suliñan- un compromiso firme dos grupos parlamentarios por acadar un Pacto de Estado pola Xustiza tras o fracaso da  Subcomisión creada ao efecto. E está pendente de aprobación a Lei Orgánica sobre recuperación de permisos e vacacións aos membros da Carreira Xudicial e Fiscal con emendas sobre a reforma do Consello Xeral do Poder Xudicial".

Engaden que o goberno non incrementou o número de xuíces e fiscais a fin de ir equiparándoo á media europea "e non hai rastro da racionalización da planta xudicial e fiscal, evitando a precarización das últimas promocións". Tampouco se convocou ata o de agora a mesa de retribucións que por lei debe de reunirse cada cinco anos co obxecto de reclamar as melloras salariais "que permitan recuperar os recortes dos últimos oito anos".

En canto ao Consello que goberna a xuíces e maxistrados, estes sinalan que "fixo caso omiso" á súa proposta sobre nomeamentos conforme a criterios de mérito, capacidade, igualdade de xénero e transparencia. "E segue -conclúen- sen cumprir coa súa obrigación legal de fixar as cargas de traballo, como lle lembra a sentenza da Sala do social da Audiencia Nacional".

Tras lamentar os prexuízos causados á cidadanía por esta xornada de paro, os folguistas expresan o seu "profundo malestar" ante o abandono no que se atopa este servizo público e reclaman unha Administración de Xustiza "do século  XXI, de calidade, con medios e independente".

Pola súa banda, os presidentes dos 17 tribunais superiores de Xustiza, nunha declaración conxunta, expresaron a súa solidariedade cos seus compañeiros e puxeron de relevo "as graves carencias que crónicamente sufre a Administración de Xustiza", pero tras aclarar que a súa "posición institucional como máximos representantes" territoriais do Poder Xudicial impediulles sumarse ás "medidas de presión", fixeron recaer "nos poderes Lexislativo e Executivo" toda a responsabilidade da "situación insustentable" que vive a Xustiza.

"Apoiamos -conclúe a nota- as xustas e lexítimas reivindicacións así como a mellora das condicións profesionais que defenden”. Boa parte das cales -habería que engadir- son responsabilidade do Consello Xeral do Poder Xudicial.

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top