Luns, 30 Mai 2016 22:55

Denuncian un traslado masivo de causas penais ás fiscalías a unha semana de vencer o prazo para revisalas

Valora este artigo
(1 Voto)

Os fiscais afirman que os letrados de xustiza obedecen ordes ministeriais poñendo en cuestión o control do proceso e o respecto á independencia xudicial

Milleiros de causas penais ateigan desde o venres as fiscalías tras un traslado masivo de expedientes supostamente ordenado polo Ministerio de Xustiza, segundo denuncian fontes fiscais. A directriz do ministro en funcións, Rafael Catalá, sería deste modo unha resposta, a xeito de órdago, á fiscal xeral do Estado, Consuelo Madrigal, que o mércores pasado emprazou ao ministro a ditar unha instrución que obrigara aos letrados da administración de xustiza (antes secretarios xudiciais) a darlle traslado de todos os procedementos ás fiscalías.

Pero o propósito de Madrigal non era promover unha avalancha de asuntos a unha semana de vencer o prazo de revisión que impón a Lei de Axuizamento Criminal (Lecrim), senón establecer dunha vez por todas, e con vistas ao futuro, a necesaria "corresponsabilidade" entre fiscais, xuíces e letrados xudiciais.

Á vista da nova entrega de asuntos, cabe preguntarse por que non chegaron antes aos seus destinatarios, toda vez que a día de hoxe aínda non se deu públicamente unha cifra pechada dos expedientes pendentes de revisión polos fiscais, e o propio ministro ofreceu sucesivas cantidades desde que o pasado 6 de decembro comezou a conta atrás.

O 6 de xuño terán que estar clasificadas entre sinxelas e complexas as 346.000, 460.000 ou 580.000 causas que se foron estimando pendentes desde a entrada en vigor da lei, en decembro pasado, por se fose preciso pedir unha prórroga na instrución das máis complicadas. E a propia fiscal xeral non só asegurou que estarían revisadas todas aquelas das que se lle dera traslado ás fiscalías, senón que denunciou a existencia dun número descoñecido, aínda que pequeno, de asuntos perdidos polos estantes e mesas das oficinas xudiciais.

Control e independencia xudicial

Segundo afirman os fiscais, neste fogo cruzado de acusacións entre o Ministerio, a Fiscalía e os letrados xudiciais, Rafael Catalá parece disposto a ter a última palabra, poñendo a disposición das fiscalías ata o último procedemento que quede naqueles estantes aos que aludira Madrigal, co propósito de facer recaer no Ministerio Público a responsabilidade final de que a revisión de causas se cumpra integramente.

A Unión Progresista de Fiscais, especialmente activa estes meses na denuncia da falta de colaboración dos letrados xudiciais, da carencia de cifras seguras e da penuria de medios materiais e humanos, incidiu onte no "escandaloso" desta situación, e mesmo emprazou aos xuíces a dar contestación a esta operación de baleirado dos xulgados por orde ministerial, que suporía poñer en cuestión a propia independencia xudicial e o debido control do proceso.

 

 

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top