Imprimir esta páxina
Domingo, 15 Mai 2016 01:00

As mulleres ocupan o 61% das prazas de fiscal en Galicia pero só o 12,5% das xefaturas

Valora este artigo
(3 votos)

Dos oito cargos directivos existentes na Comunidade Autónoma só o da Fiscalía de Área de Vigo é desempeñado por unha muller

Galicia é a segunda comunidade autónoma onde menor capacidade directiva acadan as mulleres fiscais, malia representaren o 61% da nómina do Ministerio Fiscal, isto é, 88 mulleres fronte a 56 homes dun total de 144 (este ano sumáronse dúas prazas máis, ata as 146), segundo os indicadores sociolóxicos da Fiscalía Xeral do Estado de 2015. Entre as oito xefaturas existentes na Comunidade Autónoma, Fiscalía Superior, catro fiscalías provinciais e outras tres de Área (Vigo, Santiago e Ferrol), só unha muller _Susana García Baquero_ posúe un deses postos directivos, o que supón un irrisorio 12,5% das prazas.

A situación das mulleres no Ministerio Fiscal é particularmente desfavorable en Galicia, fronte a unha media, no conxunto de España, dun 30% de xefaturas ocupadas por mulleres, que representan o 63% no conxunto da carreira fiscal. A diferenza é aínda maior se se ten en conta que a desproporción entre o peso que supoñen as mulleres no conxunto da Fiscalía en Galicia e a porcentaxe de xefaturas que ocupan é de 48 puntos, por 33 na media estatal nesta sorte de fenda da desigualdade.

Noutras comunidades as mulleres acadan unha representación de ata o 60% das xefaturas, no caso de Madrid, 50% en Canarias, Murcia e País Vasco, e 45% en Cataluña. Por autonomías, as que reflicten unha maior proporción de mulleres fiscais no seu cadro de persoal son o País Vasco, cun 77% do total, e Madrid, cun 76%.

Alumnas e alumnos da promoción de 2016 do Centro de Estudos Xurídicos na sede da Fiscalía Xeral do Estado
Promoción de fiscais de 2016 na Fiscalía Xeral do Estado    Fonte: FGE

Cal é a causa desta patente desigualdade? Non pode ser, evidentemente, unha menor preparación, xa que de feito superan amplamente aos homes no acceso á carreira fiscal. Aínda que a proporción varía segundo as promocións, as mulleres gañan entre 6 e 7 de cada 10 prazas ofertadas pola Escola Xudicial (onde se forman os xuíces) e o Centro de Estudios Xurídicos (que imparte formación aos futuros fiscais).

Tampouco a incorporación tardía da muller ao Ministerio público serve para xustificar ata tal punto ese desnivel entre presenza efectiva e actividade directiva. De feito, ata a idade de 56 anos, a muller é claramente maioritaria na nómina de todas as fiscalías, e nas franxas de idade de 20 a 30 anos, 31 a 40 e de 41 a 50 a proporción de mulleres achégase a un 78%, 75% e 67% do total, respectivamente, unha tendencia que foi en aumento nos últimos anos.

Discriminación desde o vértice da pirámide

As claves do desigual acceso das mulleres ás xefaturas fronte aos homes pódense pescudar no traballo Presencia de mujeres en la Carrera Fiscal: estudio sobre su participación en los puestos de poder, único no seu ámbito de investigación, presentado en 2008 pola fiscal adscrita á Fiscalía de Área de Santiago Pilar Fernández.

Malia o tempo transcorrido, e a advertencia da autora de que cómpre “un pormenorizado estudo sociolóxico” que afonde nas causas da discriminación da muller na xustiza, as súas observacións contribúen a debuxar o panorama actual da profesión.

Polo que se refire á antigüidade esixible para ocupar xefaturas de calquera nivel, todas elas de libre designación, existe “unha porcentaxe máis que suficiente de mulleres” que cumpren eses requisitos, o que revela que a muller “está infrarrepresentada” en todos os postos directivos en relación co seu peso numérico e, paradoxalmente, moito máis canto máis se descende na pirámide xerárquica e aumenta a presenza de mulleres potencialmente designables.

O estudio revela tamén unha patente desigualdade no resto dos procesos selectivos, mesmo na pertenza aos órganos directivos das asociacións maioritarias de fiscais que forman parte do Consello Fiscal, órgano esencial na avaliación e proposta de candidaturas para un gran número de xefaturas.

O traballo de investigación tamén precisa que, aínda que as mulleres compiten en xeral por todos os postos directivos existentes, presentan as súas candidaturas en menor proporción cós homes, malia ser moito máis numerosas no conxunto da carreira.

Información adicional