Mércores, 16 Novembro 2016 00:54

Condenan a Televisión de Murcia a indemnizar a unha vítima de violencia machista por difundir a súa imaxe

Valora este artigo
(1 Voto)

A sentencia do Tribunal Supremo considera que a muller sufriu victimización secundaria pola exposición pública do seu rostro

A Sala do Civil do Tribunal Supremo condenou a Radiotelevisión da Región de Murcia a indemnizar con 25.000 euros a unha muller, vítima de violencia machista, por vulnerar o seu dereito á intimidade e á propia imaxe, ao emitir nun informativo un conxunto de datos que permitían identificala, como a imaxe do seu rostro, o seu nome de pía e a localidade dos feitos.

O Supremo, en sentenza da que foi relator o presidente da Sala I, Francisco Marín Castán, estudou o conflito entre a liberdade de información e os dereitos á intimidade e á propia imaxe. A muller considerou vulnerados os seus dereitos polo contido de dous informativos da televisión murciana emitidos o 16 de xuño de 2009, onde se informou do xuízo oral que se seguía naquelas datas contra a ex parella da muller por delitos de malos tratos e outros, dos que ela era vítima.

O Xulgado de Primeira Instancia número 10 de Murcia desestimou integramente a demanda da muller, argumentando que a noticia e a imaxe da demandante se obtiveran na vista do xuízo oral e público do caso, acto ao que accedeu a televisión demandada dado que a muller, como acusación particular, non solicitara ningunha medida restritiva da publicidade do xuízo. A Audiencia de Murcia confirmou que o Xulgado fixera unha adecuada ponderación do dereito da televisión para comunicar unha información veraz nun xuízo por feitos de indubidable interese público, aínda que accedeu á petición da muller de que se retirase da web da televisión os contidos relativos á súa imaxe e datos, tendo en conta que ela tiña exteriorizado a súa negativa a que permanecesen nela.

O Supremo estimou o recurso da muller e condenou a televisión por vulnerar a súa intimidade e imaxe. Destaca que non se discute o interese da información cuestionada nin o dereito da cadea televisiva demandada a emitir imaxes gravadas durante o acto do xuízo oral da causa penal, xa que non consta ningunha limitación respecto diso acordada polo órgano xudicial.

Engade que o único punto controvertido é se a identificación da demandante como vítima dos delitos axuizados na devandita causa penal, mediante primeiros planos do seu rostro e a mención do seu nome de pía e lugar de residencia, estaba tamén comprendida no dereito fundamental da cadea de televisión demandada a transmitir información veraz ou, pola contra, quedaba limitada polos dereitos fundamentais da demandante á súa intimidade persoal e á súa propia imaxe.

A Sala lembra que, en relación coas actuacións e procedementos sobre violencia machista, o art. 63 da Lei Orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, establece unha protección reforzada da intimidade das vítimas, "en especial, os seus datos persoais, os dos seus descendentes e os de calquera outra persoa que estea baixo o seu garda ou custodia", facultando aos xuíces para "acordar, de oficio ou a instancia de parte, que as vistas se desenvolvan a porta pechada e que as actuacións sexan reservadas".

Vitimización secundaria

"A circunstancia” -engade o Supremo- de que no presente caso o órgano xudicial non acordase esas medidas e a demandante tampouco as solicitase, nin por si mesma nin mediante o seu avogado, omisións que a sentenza recorrida considera relevantes para non apreciar unha intromisión ilexítima na intimidade e a imaxe da recorrente, non pode entenderse coma unha habilitación incondicionada aos medios que os eximise de esgotar a dilixencia debida no tratamento da información ponderando o dano que podían inflixir á vítima mediante a chamada vitimización secundaria, que neste caso consistiu en superpoñer ao dano directamente causado polo delito o derivado da exposición pública da súa imaxe e a súa intimidade ao declarar no acto do xuízo oral".

Para o alto tribunal, "a cadea de televisión demandada debeu actuar coa prudencia do profesional dilixente e evitar a emisión de imaxes que representaban á recorrente en primeiro plano, ben absténdose de emitir as correspondentes tomas, ben utilizando procedementos técnicos para difuminar os seus trazos e impedir o seu recoñecemento".

De igual xeito, tamén debeu evitar a mención do seu nome de pía, "porque este dato, insuficiente por si só para constituír intromisión ilexítima, pasou a ser relevante ao pronunciarse en pantalla simultaneamente coa imaxe da demandante e engadirse a mención da súa localidade de residencia, datos todos eles innecesarios para a esencia do contido da información, como demostran as noticias sobre o mesmo xuízo publicadas ao día seguinte noutros medios".

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top