Xoves, 26 Xaneiro 2017 10:09

O Parlamento galego promove un pacto contra a violencia machista que mellore a prevención e a asistencia ás vítimas

Valora este artigo
(1 Voto)

Inclúe un incremento dos recursos económicos para previr o delito, atender as mulleres e os seus fillos e dotar de máis medios á xustiza

O pleno do Parlamento de Galicia aprobou onte por unanimidade promover un pacto contra a violencia machista que aumente os recursos económicos destinados á prevención e á asistencia as vítimas e os seus fillos, unha maior dotación de medios á Xustiza e a inclusión da palabra feminicidio na Lei Galega 11/2007, para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

A moción, defendida pola deputada do BNG Ana Pontón, e á que fixeron aportacións os grupos do PP, En Marea e PSdeG, acorda constituír unha ponencia dentro da Comisión Non Permanente de Estudo para a Igualdade e para os Dereitos das Mulleres, que será a encargada de determinar os termos do pacto.

No que atinxe á Xustiza, a iniciativa prevé a dotación "dos recursos necesarios para mellorar os medios xudiciais en materia de violencia contra as mulleres", a posta en marcha de "mecanismos de separación entre vítimas e agresores nos xulgados galegos", a formación especializada en violencia machista de todo o persoal que intervén no proceso xudicial, incluíndo forenses e equipos psicosociais e a aplicación dun protocolo de avaliación do nivel de risco nas unidades de valoración forense.

Unha medida semellante, orientada a valorar o nivel de risco nos maltratadores, xa fora proposta polo anterior fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, como parte das súas iniciativas para previr este tipo de violencia.

Dentro do apartado preventivo, a moción fai fincapé na promoción de campañas de sensibilización destinadas á sociedade en xeral e a mocidade en particular.

Atención psicolóxica

Un capítulo específico resérvase á atención psicolóxica, que a lei galega considera como un servizo de atención primaria nestes casos. A este respecto, o Parlamento promoverá cambios legais para que as mulleres vítimas de violencia machista non teñan que informar ao proxenitor da decisión de que os menores comecen un tratamento psicolóxico para abordar o impacto psicolóxico de presenciar estes episodios violentos. Así mesmo, proponse ampliar a atención psicolóxica aos varóns menores de idade con problemas de conduta.

Outro aspecto que reclama a atención dos deputados é a da implicación dos medios de comunicación na loita contra a violencia machista, seguindo os principios establecidos na Declaración de Compostela. Entre outros aspetos, preténdese evitar "o morbo e sensacionalismo no tratamento informativo" destes casos.

A moción avoga por establecer medidas que impidan a vitimización secundaria das mulleres e "salvagarden a súa intimidade á hora de acceder aos diferentes recursos e servizos que poñen á súa disposición as administracións públicas".

Por último, os grupos parlamentarios expresan a súa intención de que o "documento de consenso" que se pacte na Cámara galega se remita á xuntanza da Comisión Xeral das Comunidades Autónomas do Senado, "co fin de incorporar as achegas de Galicia aos traballos do Pacto de Estado" contra a violencia machista.

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top