Venres, 28 Abril 2017 14:41

O Supremo dálle a razón á profesora dun colexio relixioso que foi despedida tras someterse a tratamento de fecundación in vitro

Escrito por DXustiza
Valora este artigo
(1 Voto)

Considera que o centro non xustificou de modo "obxectivo e razoable" que a decisión non se debeu a unha discriminación por razón de sexo

A Sala do social do Tribunal Supremo declara nulo por discriminatorio o despedimento dunha profesora que se atopaba nunha fase avanzada dun proceso de fecundación in vitro, ao non acreditar o colexio relixioso no que traballaba -Colexio Salvador-Maristas de Bilbao- que a causa do cesamento non está relacionada co devandito tratamento médico.

A sentenza considera que a congregación relixiosa titular do centro docente, Instituto dos Irmáns Maristas do Ensino, que recoñeceu a improcedencia do cesamento, non ofreceu unha xustificación "obxectiva e razoable", ademais de "suficientemente probada", de que o despedimento se debe a razóns alleas á vulneración do dereito fundamental á non discriminación por razón de sexo alegada pola profesora, polo que é nulo.

A traballadora despedida era desde 2005 profesora de educación infantil e primaria no Colexio o Salvador-Maristas de Bilbao. Desde 2009, someteuse a diferentes tratamentos de fertilidade de reprodución asistida; o último iniciouno o 27 de maio de 2014. Un mes máis tarde, o colexio, que sabía que a profesora estaba sometida a ese tratamento, comunicoulle por escrito o seu despedimento, alegando causas económicas, con data de 31 de agosto dese ano.

No momento do despedimento os óvulos fecundados in vitro non foran implantados no útero da profesora. A unidade infantil-gardería obtivo perdas durante 2012 e 2013, pero os resultados de explotación do colexio durante ese tempo foron positivos.

O xulgado do Social nº 1 de Bilbao e o Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco declararon o despedimento improcedente, condenando á empresa á súa readmisión ou ao abono dunha indemnización de 34.037 euros, sen salarios de tramitación. Entenderon que, aínda que existían indicios de que a actuación empresarial puidese resultar discriminatoria por razón de sexo, tales indicios quedaron desvirtuados polas causas imputadas na carta de despedimento.

O Tribunal Supremo, en cambio, estima o recurso de casación para a unificación de doutrina da profesora e declara nulo o seu despedimento; decisión que obriga á súa readmisión e ao pago dos salarios de tramitación.

Na súa sentenza, aclara que neste caso non se pretende equiparar a situación dunha muller sometida a fecundación in vitro, á que aínda non lle implantaron os óvulos, coa que está embarazada, senón que o que se discute é a licitud ou non dun despedimento cando hai indicios de que o mesmo obedece ao feito de que a traballadora está sometida a un tratamento específico de reprodución asistida, polo que pode producirse unha discriminación.

Ausencia de xustificación

Neste suposto, a Sala Social explica que corresponde ao demandado -a congregación relixiosa titular do colexio- achegar unha xustificación obxectiva e razoable, suficientemente probada, das medidas adoptadas e da súa proporcionalidade.

Isto pode facelo probando que o seu comportamento non provocou a violación de ningún dereito fundamental do traballador ou demostrando a existencia dalgún tipo de circunstancia de entidade suficiente para xustificar o acto empresarial que exclúa calquera sospeita de trato discriminatorio.

A conclusión á que chega a Sala é que a congregación relixiosa titular do colexio non acreditou que as causas do cesamento foron completamente estrañas á vulneración alegada pola traballadora. Así, subliña a sentenza, que en ningún momento tentou xustificar a procedencia do despedimento, o que podería eliminar calquera sospeita de comportamento discriminatorio, senón que recoñeceu expresamente a súa improcedencia.

Ese recoñecemento, engade a Sala, cuxos efectos procesuais no plano dun despedimento ordinario poderían ser perfectamente entendibles, non o eran cando do que se trataba era de deixar patente que na actuación empresarial existía unha "xustificación obxectiva e razoable" da decisión extintiva adoptada; xustificación que necesariamente tiña que estar "suficientemente probada" por mandato da propia lei.

A este respecto, afirma que isto resulta obxectivamente imposible neste suposto, no que a empresa recoñece paladinamente que o despedimento era improcedente.

"Mal pode sosterse que unha actuación non axustada a dereito -recoñecida así polo seu propio autor- constitúa unha xustificación razoable e obxectiva da cuestionada decisión extintiva que, ademais, resulte proporcionada en función das circunstancias concorrentes. Así e todo, o despedimento producido, precisamente polo seu carácter ilícito, non cumpre coa esixencia legal que exclúa o móbil discriminatorio ante un claro panorama indiciario de vulneración do principio de igualdade denunciado pola traballadora", afirma a Sala Cuarta.  

Para a Sala do Social, a propia carta de despedimento non se refire expresamente á existencia de causas económicas que motivan o despedimento, sen cifrar cantidade algunha, por máis que mencione a necesidade de reducir o déficit nas aulas de nenos de menos de dous anos. Neste sentido, sinala que o déficit da sección infantil-gardería -aínda que importante- hai que poñelo en conexión coa existencia de resultados positivos na explotación global.

Por último, resalta que o feito de que máis da metade do persoal sexan traballadoras e gran parte destas sexan nais con fillos "ten que ver moi tangencialmente cos indicios discriminatorios que se sustentan no sometemento da traballadora para reiterados tratamentos de fertilidade desde o ano 2009 e, finalmente ao ciclo de reprodución asistida que coincide temporalmente coa decisión extintiva", conclúe a sentenza.

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top