Martes, 09 Mai 2017 23:33

O TSXG ordena repetir o xuízo contra o acusado de matar á súa muller en Narón

Valora este artigo
(1 Voto)

Acolle a postura da defensa e do Ministerio Fiscal, que pediran a nulidade da sentenza pola súa falta de motivación e a do veredicto

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou o recurso de apelación presentado polo home considerado culpable por un xurado popular de matar á súa muller en Narón en decembro de 2015. A primeira sentenza, ditada polo maxistrado Luis Pía Iglesias o pasado mes de xaneiro, impuxéralle ao acusado 20 anos de cadea por asesinato e o pago dunha indemnización de 100.000 euros para cada un dos dous fillos da parella

Fronte ao veredicto e á sentenza baseada nel, a defensa do acusado, na vista do recurso, tildou de "clamorosa" a falta de motivación do fallo xudicial. A súa postura veuse apoiada polo Ministerio Fiscal, que asumiu a falta de motivación da citada resolución e interesou a anulación da senteza.

"Non podemos senón compartir plenamente aquelas posicións", di agora a sala. O tribunal entende que “se debe declarar que a sentenza impugnada, e o veredicto no que se apoia, adoecen de falta de motivación, defecto que leva a declaración de nulidade por atentar ao dereito á tutela xudicial efectiva”. Como consecuencia desta nulidade, a Sala ordena que con novo tribunal do xurado e diferente maxistrado presidente, se celebre un novo xuízo oral.

Indícase na resolución do TSXG, que “a sentenza impugnada limitouse a levar a cabo a plasmación dunha somera referencia á proba practicada sen explicitar absolutamente nada en relación ao seu valor probatorio; e tratándose de indicios os elementos incriminatorios principais -o que si pon de relevo- de ningún xeito se poñen de manifesto cales son e por que se teñen por certos, pero é que, ademais, non hai rastro algún do xuízo de inferencia que, necesariamente, debe constar na resolución que se apoia nesta proba para chegar á destrución da presunción de inocencia”.

 

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top