Imprimir esta páxina
Luns, 16 Mai 2016 13:59

Máis de 500 afectados sumáronse xa á demanda colectiva contra Abanca polas cláusulas solo

Valora este artigo
(0 votos)

A entidade financeira recoñece ante o xulgado que 77.200 dos seus clientes en todo o Estado foron potencialmente prexudicados

Fotografía de la rueda de prensa realizada para la difusión de la sentencia
Presentación da demanda o pasado febreiro    DX

Algo máis de 500 persoas afectadas polas cláusulas solo das hipotecas sumáronse xa á demanda colectiva promovida o pasado mes de febreiro pola Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia (Acouga), segundo informou a DXustiza o presidente da entidade, Manuel Pérez Arias. 

“Non creo que na historia xurídica de Galicia haxa un procedemento xudicial do número de afectados e quizais da transcendencia económica desta demanda colectiva”, suliñaba en febreiro o avogado e secretario de Acouga, Xoán Antón Pérez Lema, no acto de presentación da demanda ante os medios de comunicación. E Abanca, por resolución do Xulgado de Primeira Instancia número 11 de A Coruña, que lle impuña a obriga de lle remitir unha carta sobre a admisión a trámite do procedemento a cada un dos seus clientes afectados, vén de cifrar o número destes en 77.200 no conxunto do Estado, asegura Pérez Arias, dos que calcula que aproximadamente un 60% corresponderían a usuarios residentes en Galicia.

A demanda de Acouga ínstalle a Abanca a devolver, con carácter retroactivo, as cantidades aboadas de máis polos posuidores de hipotecas ata 2013 por efecto das chamadas cláusulas solo. En maio de 2013 o Tribunal Supremo (TS) opuxérase a que as entidades tiveran que resarcir aos seus clientes polas cláusulas solo con anterioridade a esa data, alegando na súa sentenza que aplicar o carácter retroactivo neste caso podería poñer en risco a seguridade xurídica e mesmo a solvencia do sistema financeiro español.

Pero un procedemento aberto polo Tribunal de Xustiza de Luxemburgo por esta causa, a instancias da Audiencia Provincial de Granada (ás que se acumularon cuestións prexudiciais dun bo número de tribunais, entre eles o xulgado mercantil de Ourense e a sección sexta da Audiencia de A Coruña), abre a porta a unha completa retroactividade da demanda contra aquelas cláusulas abusivas. Espérase que en xuño se coñeza o informe do avogado xeral do Tribunal europeo, tras o cal "poderíase ditar sentenza xa en outono", segundo o letrado da Asociación.

O presidente de Acouga recorda que o único trámite que deben de cumplimentar os interesados en adherirse á demanda colectiva é o de darse de alta na Asociación antes do vindeiro 30 de xuño. Neste momento procesual, agárdase a decisión da Audiencia Provincial de A Coruña sobre se a tramitación do procedemento correspóndelle ao xulgado do Mercantil ou ao de Primeira Instancia.