Imprimir esta páxina
Venres, 16 Decembro 2016 19:28

Anuncian unha demanda colectiva para reclamar a devolución dos gastos de formalización de hipotecas de 90.000 clientes

Valora este artigo
(3 votos)

A acción xudicial de Acouga dirixirase contra Abanca, as oficinas actuais de Banco Pastor en Galicia e Caixa Rural Galega

A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (ACOUGA), anunciou hoxe a presentación dunha demanda colectiva coa que pretende reclamarlles ás entidades financeiras radicadas en Galicia a devolución aos seus clientes dos gastos de formalización das hipotecas que teñan asinadas con elas.

O secretario xeral de Acouga, o avogado coruñés Xoán Antón Pérez-Lema, sinalou en rolda de prensa que preto de 90.000 usuarios, a meirande parte deles de Abanca, e moitos de fóra de Galicia, poden estar afectados por estes cobros indebidos, segundo se desprende da sentenza 705/2015 do Tribunal Supremo, que en decembro pasado anulou estas cláusulas por abusivas e obrigou ao BBVA a devolverlles esas cantidades aos clientes afectados por elas.

Os gastos aos que se refire a citada sentenza e a demanda colectiva que prevé presentar Acouga, e á que pode adherirse calquera titular dun préstamo hipotecario para compra de vivenda particular, son os referidos a notario, rexistro da propiedade, Imposto de Actos Xurídicos Documentados e taxación.

Acouga calcula que para unha hipoteca media de 90.000 euros, o desembolso para o cliente achegaríase aos 2.000 euros, que son os que poderían ser obxecto de devolución. Son todos eles “gastos que aínda que beneficiaban ao banco, este impuña no contrato que fose o prestatario quen tivera que pagalo”, afirma o letrado da asociación.

Pérez-Lema precisou que as entidades contra as que se dirixirá a demanda colectiva son as que teñen o seu domicilio social en Galicia: Abanca (polas hipotecas asinadas pola propia entidade e por Caixa Galicia, Caixanova, Nova Caixa Galicia e Nova Galicia Banco e o Banco Echeverría), as xestionadas polas actuais oficinas do Banco Pastor na comunidade autónoma e a as da Caixa Rural Galega, con domicilio en Lugo.

Pérez-Lema instou aos consumidores a recuperar as facturas que certifican eses gastos de formalización, pedíndollelas ao notario e ao rexistrador, e o comprobante da liquidación do imposto na Axencia Tributaria Galega.

O letrado confía en que o acopio documental non sexa un atranco á hora de sumarse á demanda, toda vez que “os cidadáns galegos son bastante coidadosos á hora de conservar a súa documentación”.

Lista en tres ou catro meses

O primeiro paso da demanda, tal como se fixo no caso das preferentes e das cláusulas solo, será a apertura dunhas dilixencias preparatorias e a petición por vía xudicial ás tres entidades de que “se dirixan a todos os consumidores que teñan estas cláusulas nos seus préstamos hipotecarios”.

A continuación presentarase a demanda perante o xulgado do Mercantil, que tería que decidir sobre a súa admisión a trámite, proceso que podería demorarse “uns tres ou catro meses”, ata o mes de marzo ou abril.

A partir desa data, os consumidores poderán adherirse á demanda, ao través dos servizos xurídicos de Acouga ou de xeito particular, designando avogado e procurador.

O presidente de Acouga, Manuel Pérez Arias, animou aos afectados por estas cláusulas abusivas a acudir á Asociación en defensa dos seus dereitos, e subliñou que para elo abonda con darse de alta como asociado, cunha cota mensual de 10 euros, “de xeito que ningún cidadán se vexa privado, por motivos económicos, de poder reclamar”.

Acouga dispón de puntos de atención ao consumidor en Santiago, nas catro capitais  provinciais galegas e en Vigo, Vilagarcía, Nigrán, Ames, Barbadás, Lalín e Combarro.

Cláusulas solo

Pérez-Lema refeiuse tamén á demanda colectiva presentada no mes de febreiro por Acouga contra Abanca para pedir anulación das cláusulas solo das hipotecas anteriores a maio de 2013 e a devolución das cantidades cobradas indebidamente.

A demanda foi admitida a trámite polo Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña e estase á espera do que determine, o vindeiro día 21, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

No caso de que o órgano xudicial europeo asuma o informe do Abogado Xeral da UE, que rexeita a retroactividade do efecto anulatorio das cláusulas solo máis aló de maio de 2013, a demanda decaería e habería que desistir dela. 

 

Teléfonos de contacto de Acouga para o consumidor:

881 964 020 – 981 938 929 – 982 225 320 – 988 213 689 – 610 592 141 – 670 575 961