Xoves, 12 Xaneiro 2017 23:32

As audiencias de Lugo e Pontevedra aplican xa a retroactividade na devolución das cláusulas solo ditada polo Tribunal Europeo

Valora este artigo
(1 Voto)

 

As audiencias provinciais de Pontevedra e Lugo recollen, en dúas sentenzas, o fallo dado a coñecer o pasado 21 de decembro polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que impón que as cantidades cobradas de máis polos bancos pola aplicación abusiva das chamadas cláusulas solo deberán reintegrarse con carácter retroactivo aos clientes afectados por elas.

No caso concreto analizado pola Sección Primeira da Audiencia Provincial de Pontevedra, a Sala entende que unha vez descartada a postura do banco de que se trataba dunha “cousa xulgada” e de que concorría “perda sobrevinda de obxecto”, o debate centrábase na data á que debía retrotraerse a nulidade, isto é, “se debe estarse ao momento de celebración do contrato -como interesa a parte demandante-, ou á data de publicación da primeira das sentenzas da Sala 1ª do Tribunal Supremo que acordou a nulidade por falta de transparencia -como defende a demandada e acolle a sentenza recorrida-“.

Os maxistrados, en aplicación da sentenza do Tribunal europeo, que sostén que non cabe limitar no tempo os efectos da declaración de nulidade sen contravir o Dereito comunitario, condenan á entidade a abonar aos demandantes as cantidades indebidamente satisfeitas desde a data de celebración do contrato de préstamo con garantía hipotecaria.

De forma semellante, e en aplicación da mesma resolución do TXUE, a Sección Primeira da Audiencia Provincial de Lugo dálles a razón aos clientes no sentido de que “a extensión dos efectos da nulidade da cláusula comporta a devolución íntegra do indebidamente percibido” pola entidade bancaria en aplicación da cláusula solo.

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top