Imprimir esta páxina
Venres, 20 Xaneiro 2017 12:52

Acouga rexeita o decreto lei sobre cláusulas de chan e recoméndalles aos afectados acudir á vía xudicial

Valora este artigo
(3 votos)

Pérez-Lema: "non se crea un sistema de arbitraxe nin de mediación, só se propón unha negociación bilateral desequilibrada a prol do banco"

A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios  (Acouga) manifestou o seu rexeitamento ao real decreto lei aprobado hoxe polo Consello de Ministros, que propón unha solución extraxudicial á devolución das cantidades cobradas de máis polos bancos aos seus clientes coa aplicación das cláusulas de chan hipotecarias.

O pasado 23 de decembro, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea confirmou a nulidade das cláusulas e a obriga de reintegrarlles aos consumidores, con carácter retroactivo ilimitado, o diñeiro cobrado de máis.

A proposta incluída no decreto, que foi acordada cos grupos parlamentarios de Ciudadanos e PSOE, entrará en vigor mañá e, entre outros aspectos, dálles aos bancos un prazo de tres meses para devolverlles os cartos aos clientes afectados, que o propio ministro de Economía, Luis de Guindos, cifrou nun millón e medio de potenciais reclamantes.

Prexuízos para os consumidores

O secretario xeral de Acouga, o avogado Xoán Antón Pérez-Lema, amósase partidario da reclamación por vía xudicial das cantidades ás que teñen dereito, por entender que "a solución extraxudicial permitiralles aos bancos demorar os pagos e ofertar a modo de rebaixas fórmulas de compensación que prexudicarán aos afectados".

“Á banca en xeral non lle interesa unha solución integral e rápida do asunto; prefiren diluír os efectos prexudiciais para eles ao longo de varios exercicios”, sinala o letrado.

Pérez-Lema engade que “o decreto-lei non crea un sistema de arbitraxe nin de mediación, ao que Acouga si estaría aberta, simplemente propón un mecanismo de negociación bilateral desequilibrada a prol do banco, e os consumidores só poden perder cunha solución desta caste”.

Malia que Acouga está en contra de negociar cos bancos nestas condicións, o seu presidente, Manuel Pérez Arias, anunciou que a asociación, como entidade sen ánimo de lucro, “ofreceralles de xeito gratuíto asesoramento e información aos socios que decidan acudir á vía de negociación bilateral que abre o decreto-lei”.

Demanda contra Abanca

Acouga mantén a demanda xudicial interposta en 2016 contra Abanca e admitida a trámite polo xulgado do mercantil número 1 da Coruña, e anima aos consumidores a sumarse a ela, sen máis custe que darse de alta como socios.

A este respecto, nas próximas datas publicarase no BOE o edicto do Xulgado outorgando o prazo de dous meses a todos os consumidores afectados de Abanca.

 

Contacto de Acouga para o consumidor:

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

674 597 360

 

2 comentarios