Imprimir esta páxina
Venres, 10 Febreiro 2017 00:07

O Supremo multa con 5,3 millóns de euros a Iberdrola por competencia desleal na captación de clientes entre 2009 e 2010

Valora este artigo
(1 Voto)

Reduce á metade a sanción acordada en 2012 pola Comisión Nacional da Competencia ao entender que non foi proporcional nin se graduou correctamente

A Sala III do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo impuxo unha multa de 5,3 millóns de euros a Iberdrola por competencia desleal na captación de clientes durante o proceso de liberalización do mercado de comercialización de enerxía eléctrica en 2009 e 2010.

A Sala reduce á metade a sanción acordada en 2012 polo Consello da Comisión Nacional da Competencia para Iberdrola, Iberdrola CUR e Iberdrola Xeración, ao entender que a contía non foi proporcional nin se graduou correctamente.

O Supremo ratifica, tal como o fixera previamente a Audiencia Nacional, que Iberdrola cometeu a infracción á Lei de Defensa da Competencia, pero considera que a multa adecuada é de 5,3 millóns de euros ao concorrer tres circunstancias que minoran a súa responsabilidade.

A primeira delas é a duración da infracción, cometida durante oito 8 meses, entre agosto de 2009 e marzo de 2010. Ademais, a sala ten en conta o número de consumidores afectados pola conduta infractora, constituído polos 268.001 clientes sen dereito a tarifa de último recurso, transitoriamente fornecidos por Ibercur, que foron automaticamente traspasados á comercializadora libre do grupo sen solicitar o seu consentimento.

Por último, a sentenza avalía o efecto da infracción en relación con outras empresas comercializadoras, ás que a conduta infractora situou nunha posición de desvantaxe competitiva, pero non lles pechou a posibilidade de dirixir ofertas de contratación aos clientes que Iberdrola e as súas outras compañías traspasaran ao mercado libre.

Para a sala, e á marxe da redución dun 50% sobre a multa imposta pola Comisión Nacional da Competencia, está claro que "a actuación de Iberdrola IBERDROLA obstaculizou a posibilidade dos demais comercializadores de competir por estes consumidores e a estes de atopar mellores alternativas de subministración, o que provocou unha distorsión da situación competitiva nun mercado de gran relevancia para o consumidor, por tratarse dun servizo de primeira necesidade e dun input básico para as empresas".

Ademais, a sentenza precisa que a infracción cometida pola compañía eléctrica "atenta directamente contra o proceso de liberalización na subministración dese servizo de primeira necesidade e esencial, ao obstaculizar gravemente a estrutura competitiva do mercado nese momento relevante de apertura á competencia".