As entidades financieras terán que devolverlles aos seus clientes as cantidades cobradas de máis por efecto das cláusulas de chan abusivas, independentemente da data en que fosen formalizadas as hipotecas.
O Tribunal Supremo (TS), obrigado pola sentenza do Tribunal de Xustiza da UE (TXUE) de decembro pasado que antepuxo os intereses dos cidadáns aos da banca, comezou xa a aplicar a nova doutrina xurídica que permitie a retroactividade total na devolución dos cartos, que o propio Tribunal español limitara en 2013 ás hipotecas subscritas antes do 9 de maio dese ano.
Con esta medida, o TS pretendía evitarlle un prexuízo de miles de millóns de euros ao sistema financeiro español, sen ter en conta que a nulidade das cláusulas de chan -e a obriga de resarcir o dano causado aos clientes- debría abranguer tamén ás hipotecas formalizadas antes de aquela data límite.
Agora, co criterio da retroactividade total imposto pola xustiza europea, o alto tribunal volve sobre os seus pasos e acaba de ditar dúas sentenzas nas que condena a Caixa Rural de Teruel e ao BBVA a reintegrarlles aos seus clientes hipotecarios os cartos indebidamente cobrados.
Na súa resolución contra o recurso do BBVA, o Pleno da Sala do Civil recoñece expresamente que "adaptou a xurisprudencia da Sala sobre a retroactividade da nulidade das cláusulas de chan á sentenza do TXUE de 21 de decrmbro de 2016" e, por tanto, confirma unha da Audiencia Provincial de Barcelona que acordaba a retroactividade total en favor do cliente.
Así mesmo, rexeita o argumento do BBVA sobre a concorrencia, neste caso, de cousa xulgada, xa que, segundo a xurisprudencia do TS, do Tribunal Constitucional e do TXUE, trátase dunha reclamación individual e non colectiva.
Ademáis. precisa que a cláusula axuizada era diferente das examinadas pola sentenza do TS de 9 de maio de 2013 e, por outra parte, suliña que a entidade de crédito contratante non foi o propio BBVA senón a daquela Caixa d'Estalvis Comarcal de Manlleu.
No caso da Caixa Rural, a resolución rexeita o seu recurso de casación contra a reclamación dun usuario afectados pola devandita cláusula. O pleno da Sala do Civil entende que a entidade non actuou con transparencia ao impoñerlle esa condición ao cliente.