Xoves, 11 Mai 2017 20:06

Anticorrupción denuncia a Iberdrola por manipular os prezos para obter un beneficio ilícito de máis de 20 millóns de euros

Escrito por DXustiza
Valora este artigo
(1 Voto)

A Fiscalía sostén que a compañía eléctrica "ideou e puxo en funcionamento un sistema para incrementar o prezo da enerxía que vendía"

A Fiscalía contra a Corrupción e o Crime Organizado formulou denuncia contra Iberdrola por manipular os prezos de mercado co fin de obter un beneficio ilícito de máis de 20 millóns de euros.

No texto da denuncia, o Ministerio Público afirma que a compañía eléctrica "ideou e puxo en funcionamento un sistema para incrementar o prezo da enerxía que vendía, máis aló do que debese resultar da libre concorrencia da oferta e a demanda" que debe rexer o funcionamento do mercado.

Anticorrupción explica que para conseguir ese maior prezo no mercado eléctrico, a partir de 30 de novembro de 2013 e ata o 23 de decembro de 2013 Iberdrola "aumentou, sen causa lexítima que o xustificase, o prezo nas ofertas de enerxía eléctrica correspondente ás súas centrais hidráulicas de Douro, Sil e Texo, a un nivel por riba do prezo de mercado diario que impedía casar as operacións".

Este procedemento púxose en marcha "a pesar do incremento que experimentaban neses días os prezos da enerxía eléctrica no mercado de contado, que a situaban ante un custo óptimo de oportunidade", e supuxo a retirada de programación de ditas centrais.

Deste xeito, Iberdrola provocou a redución de produción das centrais hidráulicas de Douro, Sil e Texo, "determinando que as operacións de compra casasen coa enerxía procedente das centrais de ciclo combinado, de custo superior e nun rango de prezos tamén máis elevado, situado entre os 80/90 euros fronte á media de prezos da enerxía proveniente das centrais hidráulicas, situado nunha media de 45/55 euros".

Esta operación supostamente ilícita cesou a partir do 24 de decembro de 2013, cando o cambio das condicións meteorolóxicas, con fortes borrascas e vento, propiciou unha redución do prezo da enerxía pola importante achega de fontes renovables.

O resultado "do artificio urdido e levado a cabo por Iberdrola -prosegue a denuncia- foi a subida do prezo da enerxía eléctrica en, aproximadamente, 7 euros megavatio/hora que, aplicados á enerxía programada e vendida pola denunciada no período temporal antes referido -2.965 gigavatios-, supúxolle un beneficio superior aos 20 millóns de euros.

En consecuencia, a Fiscalía Anticorrupción imputa á compañía eléctrica un posible delito relativo ao mercado e aos consumidores tipificado no artigo 281 do Código penal, interesa a toma de declaración da sociedade como investigada e solicita que se fixe fianza para responder das súas posibles responsabilidades pecuniarias.

O Ministerio Público formula a súa denuncia perante o Xulgado Central de Instrución de Madrid, por consideralo o órgano competente para investigar "defraudacións e maquinacións para alterar o prezo das cousas que produzan ou poidan producir grave repercusión na seguridade do trafico mercantil, na economía nacional ou prexuízo patrimonial nunha xeneralidade de persoas no territorio de máis dunha Audiencia".

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top