Mércores, 07 Xuño 2017 16:45

Advirten de que a compra de accións por pequenos clientes na ampliación de capital do Popular en 2016 "pode ser nula"

Valora este artigo
(2 votos)

A asociación Acouga pon ao dispor dos consumidores galegos os seus servizos xurídicos para reclamar a nulidade desas a contratacións

O presidente da Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga), Manuel Pérez Arias, considera que as compras de accións por parte de consumidores e clientes minoristas que se produciron na ampliación de capital do Banco Popular en maio do ano pasado, e que acadou os 2.500 millóns de euros, “poden ser nulas de pleno dereito”. Pérez Arias pon os servizos xurídicos da asociación ao dispor dos consumidores galegos que se viran afectados “para reclamar a nulidade desas contratacións”.

As accións do Popular tras a súa compra polo Santander ao prezo dun euro “agora valen cero, compráronas todas por ese prezo”, explica pola súa banda o secretario xeral de Acouga, o avogado Xoán Antón Pérez-Lema. “Trátase –engade- dunha venta forzosa, da resolución dunha entidade en crise que contou coa aquiescencia do Goberno do Estado, da Comisión Europea e coa autorización do Banco Central Europeo”.

Ante a posible perda total dos cartos investidos por pequenos accionistas na ampliación de capital de hai un ano, o avogado propón “exercer, antes de 4 anos, unha demanda de nulidade por vicio de consentimento”.

Información contable falsa 

Pérez-Lema considera que na venta desas accións “produciuse un erro substancial na contratación porque se enganou ao comprador”, toda vez que o propio Banco Popular afirmara daquela que coa subscrición íntegra desa ampliación “tería os seus obxectivos totalmente cubertos”.

O Banco Popular, sostén o secretario xeral de Acouga, “achegou unha información sobre os estados contables de 2015 e o avance de 2016 que era absolutamente falsa, e agora resulta que o banco valeu só un euro, e non só iso, senón que vale menos 7.000 millóns, que é o que ten que poñer o Santander para sanealo”.

Para o letrado, trátase dun “erro substancial e absolutamente inescusable, porque foi información que pasou pola Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV)”. “Entendemos que todas esas compras non tiñan información veraz e, por tanto, son nulas de pleno dereito”, insiste.

Acouga aconsella aos clientes afectados que reúnan toda a información contractual e busquen asesoramento legal para, chegado o caso, presentar demandas civís nos xulgados de Primeira Instancia correspondentes.

En canto á contratación de accións por ampliacións de capital anteriores a esa data, Pérez-Lema sinala que “haberá que estudar moi polo miúdo a información que no seu día se lles outorgou, e se se considera que puido ser errónea, podería tamén reclamarse a súa nulidade”.

Promesas e controis

Cando o Popular lanzou hai pouco máis dun ano a súa ampliación de capital asegurara publicamente que o seu obxectivo era "fortalecer o balance e mellorar os índices de rendibilidade, solvencia e calidade de activos". A entidade afirmaba que dispoñería así "dunha maior marxe de manobra fronte a requirimentos regulatorios futuros e fronte á posibilidade de que se materialicen determinadas incertezas", especialmente a posibilidade de ter que efectuar provisións por uns 4.700 millóns de euros, principalmente en crédito e inmobles.

"Esta situación produciría perdas contables no exercicio que quedarían cubertas polo aumento de capital", engadían os responsables do banco, cuxo obxectivo ers retomar os pagos en accións e en efectivo tan pronto como a entidade volvese a resultados positivos en 2017.

Malia estas explicacións, os expertos só aconsellaban acudir á ampliación a compradores cun perfil de risco elevado e que non necesitasen o diñeiro a medio prazo.

Pola súa banda, a presidenta da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), Elvira Rodríguez, desvelara que o Popular fora obxecto de "varias advertencias" do seu organismo pola ampliación de capital, especialmente para que aclarase e incluíse aspectos e riscos que non estaban suficientemente claros no folleto da operación, como o feito de que a entidade sufriría perdas ese ano (máis de 2.000 millóns de euros) como consecuencia do saneamento de balance extraordinario que ía realizar. A CNMV aseguraba que ía analizar se o banco cumprira as regras de comercialización ao vender os dereitos para acudir á ampliación aos pequenos aforradores.

 

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top